Skip to main content

Obxectivo 2020: acadar unha administración galega que funcione en dixital

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou que a prioridade do Goberno galego na modernización da Administración para 2020 “é culminar o traballo realizado nos últimos catro anos, consolidando os servizos electrónicos postos en marcha e conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital”. Un obxectivo cunha folla de ruta aprobada en marzo deste ano, o Plan de Administración e Goberno Dixital 2020.

Pereira destacou que, cun investimento de 27,7 millóns de euros, o Plan asume o reto de acadar unha administración accesible, áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades das sociedade, eficiente no uso dos recursos públicos e que ofrece ao cidadán unha visión única e cohesionada da Administración. Unha vez completado, o Plan permitirá un aforro anual estimado de máis de 41 millóns de euros.

A máxima responsable da política tecnolóxica da Xunta inaugurou esta mañá en Santiago o Encontro Tecnolóxico “Transformación Dixital. As tecnoloxías que nos unen”, organizado por Iecisa, e que aborda os retos tecnolóxicos da Administración para o horizonte 2020.

Acadar a madurez electrónica

Pereira explicou que unha das liñas de acción do Plan é acadar a madurez da Administración electrónica, un camiño que, segundo indicou, require de actuacións que reforcen e potencien as iniciativas xa iniciadas como evolucionar a sede electrónica, simplificar o acceso á eadministración, impulsar a interoperabilidade, a xestión electrónica interna e consolidar o Arquivo Dixital electrónico.

Neste sentido, a directora da Amtega destacou a posta en marcha hai unha semana do servizo Chave 365 e a dixitalización dos Rexistros. O Chave 365 permite interactuar coa Administración a través do teléfono móbil sen necesidade de empregar un certificado electrónico e se pode solicitar xa a través da sede ou de forma presencial no Rexistro Xeral da Xunta. Ademais, estase a pilotar, tamén no Rexistro Xeral, a dixitalización da documentación que achegan os cidadáns. Este proceso é fundamental para conseguir unha tramitación 100% electrónica.

Unha peza chave para conseguir a tramitación electrónica integral é a consolidación do Arquivo Dixital Integrado, que entrará en funcionamento este ano. O Arquivo Dixital permitirá xestionar o ciclo de vida completo de cada documento e posibilitará, tanto aos empregados públicos como ao propio interesado, recuperar e consultar calquera información dun expediente.

A directora da Amtega destacou que a posta en marcha da sede electrónica foi un dos fitos principais do primeiro Plan de Modernización. O novo Plan busca consolidar este esforzo acadando unha tramitación electrónica integral. Para avanzar neste sentido dotarase á sede electrónica de máis funcionalidades, personalizadas para os diferentes colectivos. O obxectivo é que en 2020 a totalidade dos procedementos se poidan iniciar telematicamente e que o 40% se tramiten integramente de xeito electrónico.

No marco de colaboración coas outras administracións, porase a disposición de concellos e deputacións provincias o nodo de interoperabilidade Pasaxe!, que. Pasaxe! que permite o intercambio electrónico de documentación entre as 3 administracións, evitando reclamarlla aos cidadáns. No que levamos de ano xa se fixeron 1 millón de consultas na plataforma.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia