Skip to main content

Artesanía de Galicia busca oportunidades de negocio na Feira Tent en Londres

A Consellería de Economía e Industria impulsa a busca de novas oportunidades de negocio para a Artesanía de Galicia e a comercialización do produto artesán galego no mercado internacional coa súa participación na feira Tent London, unha cita profesional de referencia na decoración de interiores a nivel europeo e que ten lugar no marco do London Festival Design.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño presenta neste encontro, que se celebra ata o domingo 27 de setembro, unha selección de pezas de 24 obradoiros artesáns que empregan diferentes materiais para a elaboración de pezas como a madeira, a cerámica, os téxtiles, o coiro, o papel e a cestería. Deste xeito, algúns dos obradoiros que deixan constancia da tradición e vangarda que se unen na artesanía galega son as pezas de coiro do Obradoiro Media Lúa (Santiago de Compostela), as figuras tradicionais de San Andrés de Teixido elaboradas con miga de pan de Jorge Bellón (Cedeira) ou as pezas tecidas á man do Centro de Recuperación da Cultura Popular (Ponteareas).

Na feira está tamén representada a olería tradicional galega: Niñodaguia, coas pezas de Alfarería Agustín (Xunqueira de Espadanedo); Gundivós, co traballo de Reitoral de Gundivós (Sober); ou Buño, coas pezas de Alfarería Lista. Tamén se amosa a cerámica e porcelana de deseño máis contemporáneo da man dos obradoiros de Lucía Catuxo (Trabada), Cerámica Unzueta (Brión), Nacho Porto (Carnota), Manuel Figueiras (Muros), Regal Cerámica (Viveiro), Cerámica Suve (Cangas), Como Cuando (Vigo), Marta Armada (Vigo) e Victor Ares (A Coruña).

No stand tamén comparten espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo) coa cestería contemporánea con materiais téxtiles elaborada por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei). Tamén están presentes pezas de madeira de Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta (A Estrada) e Elena Ferro (Vila de Cruces).

Entre as novidades desta edición atópase a incorporación do novo talento galego coa presenza de tres obradoiros inscritos no 2015 no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Javier Prieto, responsable de Miolos Design (Pontevedra), investiga materiais e novas formas creando novos produtos de coiro, a súa materia prima base. Palmira Castro ofrece desde o seu obradoiro Mimadriña en Sardiñeiro (Fisterra) unha proposta creativa na que a artesanía, a educación e a acción social se interrelacionan. Ao mundo da cerámica achégase Verónica Moar (A Coruña) cunhas pezas de porcelana de deseño limpo e boa factura.

A participación de Artesanía de Galicia na feira de Tent Londres, na que se dan cita máis de 400 expositores de deseñadores e artesáns de 29 países, enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e promoción do produto artesán galego a través da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas que se enmarcan dentro deste plan impulsado pola Xunta.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia