Skip to main content

PSOE e BNG presentan a moción de censura na Deputación Provincial de Lugo

PSOE e BNG inician o procedemento para devolver aos lucenses o Goberno progresista e nacionalista que
elixiron o 24M para a Deputación

O voceiro provincial do PSOE, Darío Campos Conde, e o voceiro provincial do BNG, Antonio Veiga Outeiro, adiantaron que ambas as dúas formacións políticas veñen de iniciar o procedemento para devolver aos lucenses o Goberno progresista e nacionalista que elixiron o 24M para a Deputación de Lugo. O 8 de outubro terá lugar o Pleno Provincial no que culminará este procedemento co nomeamento do novo Executivo, que presidirá Darío Campos Conde.

Campos Conde remarcou que “o 8 de outubro plasmaremos no organismo provincial a decisión da maioría dos lucenses nas pasadas eleccións municipais: un Goberno progresista e nacionalista para a Deputación de Lugo. A partires dese mesmo día, retornaremos á provincia as políticas de progreso e poremos fin ás políticas destructivas e caciquís do Partido Popular. Durante estes meses, o PP só se adicou a facer da Deputación de Lugo unha Delegación máis da Xunta de Galicia, a pagar con cartos dos lucenses as débedas de Feijóo coa nosa provincia e a destruir, paralizar e bloquear proxectos de futuro do anterior Executivo, como a apertura dos primeiros centros para maiores da rede pública de residencias e centros de día da Deputación; a posta en marcha do primeiro centro de recría de gando vacún público en España na granxa Gayoso Castro ou a creación de 300 novos postos de traballo na provincia a través do Ben Empregado II”.

Veiga Outeiro afirmou que “imos abrir de novo as portas da Deputación” e subliñou que “vimos de dar o primeiro paso para devolver aos lucenses un goberno que nunca debeu estar en mans do PP porque a vontade dos lucenses reflexada nas eleccións municipais foi formar un Goberno nacionalista e progresista na Deputación de Lugo. Levaremos adiante un programa que xa está en marcha nas Deputación da Coruña e Pontevedra co PSOE e BNG, e atenderemos as verdadeiras preocupacións dos lucenses e a todos os Concellos da provincia, independentemente da súa cor política”.
PSdeG e BNG Deputación Provincial de Lugo