Skip to main content

Debate sobre ordenación do territorio, agro ou pesca no Plan estratéxico 2015-2020

Representantes de entidades e colectivos sociais, expertos en diversos eidos do mundo da empresa, da innovación e da universidade achegaron as súas prioridades sobre ordenación do territorio, crecemento sostible, turismo, o agro e a pesca través dun foro de debate, que ten por obxectivo enriquecer o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Este é o terceiro e último foro destas características que se leva a cabo no marco da elaboración do Plan.

O foro de debate foi inaugurado na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez. Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez subliñou que “Galicia conta cun amplo abano de potencialidades” tanto no eido da ordenación do territorio e do crecemento sostible, do turismo e no sector primario que “debemos aproveitar e fortalecer para acadar ese crecemento san ao que aspiramos neste momento de recuperación económica”.

Neste sentido, resaltou a importancia de potenciar o turismo para o futuro de Galicia “tendo en conta que contamos cun medio ambiente e cunha cultura privilexiados”. Para logralo avogou pola innovación e a competitividade; polo deseño dunha oferta turística singular; e pola implantación do conxunto da cidadanía no obxectivo da captación de visitantes.

En canto ao sector primario sinalou que presenta importantes retos de futuro para asimilarse aos produtores atlánticos punteiros como son a reordenación das estruturas para acadar explotacións máis competitivas; incentivar a mobilidade das terras ou aproveitar o potencial do sector agrícola como base da produción alimentaria de calidade. E sobre o sector pesqueiro, afondou na idea de continuar mellorando as canles de comercialización e valorización do produto da industria extractiva e comercializadora.

Desenvolvemento sustentable

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez expuxo as liñas de traballo postas en marcha polo o seu departamento co obxectivo de contribuír á implantación en Galicia dun modelo de desenvolvemento sustentable que, apuntou, para ser exitoso debe contar cun alto grao de participación social.

Nese sentido, apostou pola colaboración entre a Xunta, as administracións locais e os cidadáns para acertar no desenvolvemento do transporte público, a través do Plan de transporte metropolitano; as sendas peonís e ciclistas que está a impulsar a Xunta; ou os plans destinados a sanear as rías galegas.

Como paradigma desa aposta pola implicación social na definición do modelo de desenvolvemento sostible, Ethel Vázquez, referiuse á nova Lei do Solo que proximamente a Xunta remitirá ao Parlamento, logo dun amplo proceso de participación pública no que se escoitou a máis de 75 axentes e se realizaron máis de 30 encontros sectoriais.

Trátase, resaltou, dunha lei que nace con tres obxectivos fundamentais: que os concellos conten cun planeamento de calidade nun tempo razoable, protexer a nosa paisaxe como símbolo da nosa identidade e dinamizar o medio rural, porque “non podemos concibir unha Galicia próspera sen un rural vivo”.

Proceso de participación

A Consellería de Facenda deu inicio o pasado mes de xullo ao proceso de participación da sociedade civil na elaboración do Plan Estratéxico 2015-2020, co obxectivo de coñecer as prioridades dos sectores participantes e obter así un documento final máis enriquecido polas achegas dos axentes sociais.

Así, está operativa unha páxina web (www.planestratexico.gal) a través da cal todos os axentes sociais poden coñecer o proceso de elaboración do plan e a documentación base sobre o mesmo. Deste xeito, calquera persoa ou entidade pode enviar á Xunta as súas achegas e suxestións.

O Plan Estratéxico 2015-2020 deséñase non como un plan da Administración, senón como un proxecto conxunto da sociedade civil, co obxectivo primordial de que Galicia sexa un territorio con máis emprego, máis competitividade e máis benestar. Para iso, a súa elaboración parte dun modelo evolucionado da tripla hélice (Administración, Universidade e Empresa), ao que se lle engade a sociedade civil.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia