Skip to main content

Talía estrea no Salón Teatro o espectáculo infantil Rosa caramelo e outras historias

Talía Teatro presentou hoxe en Santiago a súa nova proposta para público infantil, ‘Rosa caramelo e outras historias’, que estrea no Salón Teatro. O escenario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acollerá o sábado 3 e o domingo 4 de outubro, ás 18.00 horas, as dúas primeiras funcións deste espectáculo, construído a partir de catro coñecidos relatos da autora italiana Adela Turín que lles dan a volta aos roles e estereotipos de xénero.

A compañía galega contou con Paula Carballeira –autora teatral, poeta, narradora oral, actriz e integrante da compañía Berrobambán– para dirixir esta montaxe, que poñen en escena o actor Artur Trillo e o acordeonista Fernando Fraga. Os tres estiveron acompañados este mediodía polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, na presentación aos medios de ‘Rosa caramelo e outras historias’.

Referente da educación na igualdade

A montaxe, pensada para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade, combina a palabra e a música en directo para lle achegar ao público os relatos de Adela Turín, que comezou a publicar a súa colección de historias fabuladas hai máis de 30 anos no seu país natal, converténdose axiña nunha serie de referencia internacional para a educación na igualdade.

Agora, Talía Teatro leva a escena ‘Rosa caramelo’, ‘A historia dos bonobos con lentes’, ‘Unha feliz catástrofe’ e ‘Artur e Clementina’, relatos publicados en galego, catalán e castelán por Kalandraka dentro da colección dedicada á autora italiana. A través deles e segundo a compañía, “o espectáculo contribúe a desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre certas actitudes e aptitudes de mulleres e homes”.

Tras a función especial de estrea do sábado, ‘Rosa caramelo e outras historias’ regresará a escena ao día seguinte. As entradas para esta segunda representación estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro o mesmo domingo, desde as 16.00 horas, a un prezo único de 6 euros.

Outubro de teatro, danza e música

Como adiantou hoxe o director da Agadic, con esta estrea o Salón Teatro retoma a actividade de exhibición para a nova temporada 2015-16. Así, en outubro o espazo compostelán será unha das sedes do I Festival Premios Martín Códax da Música, no marco do que o día 17 acollerá un concerto de música infantil a cargo de Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc. Durante este mes ofrecerá, ademais, a coprodución ‘Atlántica’ entre BalletNorte e o Centro Coreográfico Galego (días 21 e 22), a montaxe ‘Listo para sentenza’ de Triatreros (días 23 e 24) e tres citas das Xornadas de Música Contemporánea 2015: o espectáculo de danza e música ‘Resonancias en movemento’ (día 25) e os concertos de Zoar (día 20) e Camerata OSG (día 27).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia