Skip to main content

Galiza, a forza que nos une, campaña explicativa de 20 anos do BNG no Congreso

O portavoz nacional, Xavier Vence, esgrimiu este traballo como “a mellor demostración da importancia para Galiza de ter grupo parlamentario propio cunha candidatura galega de unidade, que lle dará moita máis forza ao noso país nunha lexislatura sen maiorías absolutas con debates vitais para definir o futuro das nacións”.

Vence cualificou de “crucial” acadar este grupo parlamentario soberano no Congreso e deixou claro que a defensa dos intereses galegos estivo garantida grazas á presenza do Bloque. “Cando falan as deputadas do BNG, fala Galiza”, salientou. O dirixente nacionalista reiterou a necesidade dunha candidatura galega de unidade na que, dixo, “traballamos con outras forzas políticas e, sobre todo, ca cidadanía afiliada ou non, pero que compartimos todos o obxectivo de dar a Galiza grupo parlamentario propio”.

O Bloque mantén que “todas as persoas e forzas son necesarias” na candidatura galega de unidade, que debe canalizarse desde as plataformas cidadáns como Iniciativa pola Unión, e non desde as cúpulas dos partidos. “Ese é o ámbito de traballo para todos e todas as que consideren que hai que sumar”, alegou Vence.

Balance de lexislatura

Olaia Fernández sintetizou en tres “constatacións” o traballo desta lexislatura. “Primeira, os momentos de Galiza no Congreso son os momentos en que intervén o BNG, así desde 1996”, en segundo lugar, “que para a democracia as maiorías absolutas son prexudiciais porque se converten en absolutistas” e, en terceiro lugar, puxo de manifesto “a importancia da mobilización social”.

Ademais da problemática social, -centrada sobre todo na defensa dos servizos públicos-, o BNG puxo en valor a defensa dos e das galegas vítimas da estafada das preferentes, dos emigrantes retornados perseguidos pola Facenda estatal, a aposta por un sistema financeiro galego e, moi en particular, a defensa dos sectores produtivos como a pesca e o sector leiteiro.

A deputada Rosana Pérez puxo o acento no “diálogo permanente cos colectivos económicos e sociais” á hora de fixar a folla de ruta do traballo do Bloque no Congreso, onde destacou a oposición aos “ataques” do PP contra os servizos públicos, a defensa do sector industrial e das infraestruturas. Naval, tarifa eléctrica galega, AP-9. A defensa dunhas infraestruturas ferroviarias con todas as garantías, – ca traxedia de Angrois de fondo-, foi outra das cuestións que centraron o traballo do BNG nesta lexislatura.

Tanto Davila como Pérez manifestaron que esta defensa do país terá continuidade da man das persoas que sexan elixidas dentro da candidatura galega de unidade.
Gabinete de Comunicación do BNG