Skip to main content

Invístense 1.3 millóns de euros na estratexia de especialización do Campus Terra da USC en Lugo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Viaño; asinaron o convenio de colaboración para o desenvolvemento do Plan de Actuación 2015-2016 do Campus Terra en Lugo. Deste xeito faise realidade a primeira das fases do Plan Estratéxico desta iniciativa, que procura converter a esta cidade nun referente en materia de investigación e innovación nos eidos da veterinaria, da agricultura e da gandeiría.

Este novo fito enmárcase na estratexia de especialización de campus periféricos que está a impulsar a Consellería, e que ten as súas patentes demostracións no Campus Auga da Universidade de Vigo en Ourense e no Campus Industrial da Universidade da Coruña en Ferrol.

O Plan de actuación do período 15-16, ao que a Xunta destina máis de 1,3 millóns de euros, ten como obxectivos a definición e organización das estruturas de goberno, a elaboración dos plans operativos que permitan definir con maior concreción as futuras accións a desenvolver na segunda fase do plan de actuación (2017-2019), e materializar as primeiras accións estratéxicas que se centrarán en potenciar e mellorar os servizos prestados e as estruturas do Campus Terra.

Articulación da gobernanza

Ademais de definir as Unidade de Goberno do Campus Terra, o plan contempla a creación dunha Unidade Técnica que preste o apoio administrativo específico para a mellora operativa do Campus Terra. Especial atención merece neste apartado a creación dunha rede de valor para promover a interacción cos grupos de interese, coa que se quere promover un novo modelo de colaboración a largo prazo entre o Campus Terra e as institucións públicas e privadas, empresas, produtores e asociacións profesionais. O obxectivo é que estas apoien e asesoren as iniciativas do Campus e que, deste xeito, o consideren como un provedor de servizos de excelencia nas súas áreas de especialización.

Neste sentido está previsto favorecer a relación cos egresados – que poderán tamén continuar a súa formación a través do centro e-Terra, previsto nas primeiras accións estratéxicas- e cos colexios profesionais, buscando dar visibilidade e valor engadido aos produtos que ofreza o Campus.

O obxectivo final é crear espazos de interacción e colaboración cos diferentes axentes implicados nos sectores de especialización que abranga o Campus, de tal forma que a actividade académica e investigadora que nel se desenvolva redunde nun claro impacto socioeconómico e na transferencia de coñecemento á sociedade en xeral. Ademais, crearase un selo distintivo de calidade para certificar aquelas institucións, empresas e asociacións que manteñen unha colaboración co Campus Terra.

Outro dos obxectivos deste Plan de actuación é elaborar unha diagnose da demanda empresarial a fin de ter en conta as necesidades de formar especialistas no eido forestal, agrario e alimentario de Galicia

Primeiras accións estratéxicas

En calquera caso, nesta primeira fase materializaranse as primeiras accións estratéxicas, centradas en potenciar e mellorar os servizos e estruturas actuais de cara ao futuro Campus Terra. Neste sentido, está previsto poñer en marcha un porta web que posicione o Campus a nivel internacional e achegue visibilidade ás súas actividades. Ademais, crearase o centro e-Terra para ofertar formación non presencial que facilite aos egresados o reforzo e actualización de coñecementos e permita a captación de novos estudantes.

Por outra banda fortaleceranse as estruturas de investigación xa existentes a través de actuacións como a mellora das plataformas tecnolóxicas, das fincas e invernadoiros experimentais, dos laboratorios de investigación alimentaria ou do animalario do Campus - cuxa actividade se verá incrementada coa entrada en funcionamento do CEBIOVET-, entre outras accións estratéxicas.

Especialización de campus periféricos

O obxectivo da especialización dos campus periféricos das universidades galegas é impulsar a actividade investigadora arredor dos sectores máis potentes da economía galega e dos eidos académicos con máis prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O que se pretende, en definitiva, é favorecer a transferencia do coñecemento universitario ao tecido empresarial e, en última instancia, á sociedade; ao tempo que se impulsa a creación e promoción dos nosos campus como polos de referencia de I+D+i en sectores fundamentais para a nosa economía como poden ser o termalismo ou a agricultura e gandeiría.

Neste sentido cómpre sinalar que a Consellería está a dar tamén un forte impulso ao sector da gandeiría e a veterinaria na provincia de Lugo a través da construción do novo Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET), cun investimento de máis de 3,2 millóns de euros. Esta nova infraestrutura, xunto co Hospital Veterinario Universitario Rof Codina (HVU-RC), constituirán un complexo único en España, polo que contribuirán a situar a Lugo como un foco de atención no eido da investigación en medianos e grandes animais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia