Skip to main content

Empresarios buscan aproveitar a apertura comercial en Cuba para facer negocio

O director do Igape, Javier Aguilera, e o director de Internacionalización do Instituto, Abel Veiga, manterán diversos encontros con representantes de diferentes ministerios do Goberno de Cuba na procura de novas canles de cooperación, negocio ou alianza para as empresas galegas, co obxectivo de reforzar as relacións económicas bilaterais, aproveitando o novo clima de apertura comercial na illa.

Coa súa presenza en Cuba os responsables do Igape reforzarán ademais a presenza da misión empresarial coordinada pola Cámara de Comercio de Santiago, ao abeiro do Programa Foexga, apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Igape. A misión está integrada por 22 empresas galegas de sectores tan variados como a enxeñaría e consultaría, enerxía, téxtil, maquinaria, pedra natural, madeira, naval ou conservas.

O director do Igape manterá encontros con responsables dos ministerios de Comercio Exterior, Industria, Energía y Minas, Cultura e Presidencia, sempre na procura de novas canles de negocio e cooperación empresarial. Aguilera participará igualmente nos encontros das empresas galegas co agregado comercial da Embaxaida de España e coa Asociación de Empresarios Españoles en Cuba, que preside o galego Xullo Fontecha.

Desde 2010, son máis dun cento as empresas galegas que cada ano exportan a Cuba, principalmente materias primas, produtos industriais, bens de equipo e produtos agroalimentarios. Cuba brinda actualmente oportunidades de negocio en sectores nos que o tecido empresarial galego é especialmente forte, como a construción e a rehabilitación, a transformación de produtos agroalimentarios ou o turismo, entre outros.

O obxectivo da misión empresarial encabezada polo director do Igape é tratar de incrementar o volume das exportacións das empresas que venden nese mercado e tender pontes para que os intercambios comerciais e as alianzas medren, de acordo coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.

Ao abeiro desta folla de ruta, durante o próximo ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria seguirá intensificando as accións en orixe e en destino para procurar que novas empresas se sumen á conquista de mercados exteriores e para que as empresas xa internacionalizadas consoliden a súa presenza no exterior, na procura de conseguir que as exportacións acheguen o 40% do PIB en 2020.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia