Skip to main content

O PPdeG solicita a Industria melloras no decreto de autoconsumo eléctrico

O deputado do Grupo Popular Francisco Santos defendeu no Parlamento que o Ministerio de Industria mellore o Real Decreto 900/2015 polo que se regula o autoconsumo de enerxía eléctrica, de xeito que se permita un tratamento aínda máis favorable para os consumidores de tipo 1, é dicir, familias, microempresas e pequenas empresas, que se decidan a implantar un sistema de autoxeración.

Francisco Santos salientou a aposta polo autoconsumo eléctrico do actual Goberno central, xa que “por primeira vez aprobou unha regulación deste sector”. Na súa intervención, explicou que existen dos tipos principais de autoconsumo: por unha banda, os que xeran a electricidade que consumen e non está conectado a rede eléctrica, polo que só teñen que pagar o custe do investimento da instalación; e o autoconsumidor que está conectado a rede, é dicir, “que está utilizando o sistema eléctrico e por tanto terá que pagar como calquera outro consumidor pola potencia contratada”.

“Trátase dun Real Decreto prudente, que hai que enmarcalo no contexto de burbulla eléctrica que existe na actualidade, con moita mais oferta que demanda; e no que se debe manter non só unha estabilidade técnica, senón tamén unha estabilidade económica e financeira do sistema”, sinalou o deputado popular.

Así mesmo, Santos negou que o Real Decreto 900/2015 “cree un imposto novo, porque os que se acollen ao autoconsumo eléctrico teñen o mesmo trato fiscal que o resto dos consumidores”. “Ou acaso os socialistas galegos se refiren ao acontecido en 2008 cando nove de cada dez euros que custaba a xeración con fotovoltaica eran primas, sen limitar o número de instalacións e comprometendo só en primas ás fotovoltaicas 75.000 millóns de euros en 25 anos”, cuestionou.
Gabinete de Comunicación do PPdeG