Skip to main content

A prataforma online GaliciaLe rexistra preto de 12.000 préstamos bibliotecarios gratuítos de libro dixital

A plataforma en liña GaliciaLe rexistrou preto de 12.000 préstamos bibliotecarios de libro dixital desde a súa posta en marcha, en outubro de 2014, ata setembro de 2015. Das estatísticas obtidas nestes meses de servizo, que se dan a coñecer na véspera do Día da Biblioteca, o 24 de outubro, despréndese o interese dos usuarios por GaliciaLe, así como o uso que están a facer da colección.

Os préstamos de libro electrónico realizados neste período ascenderon concretamente a un total de 11.843, que foron executados polos 5.678 usuarios e usuarias activos nesta plataforma, a través da que se accede tanto á colección eBiblio en castelán como á colección de libro en galego.

Preto de 1.500 títulos en múltiples formatos

Estes datos tradúcense nun balance positivo dos primeiros meses de funcionamento deste servizo en liña, tanto no interese dos usuarios como no volume e calidade da colección dixital de préstamo, que está integrada por un total de 1.427 títulos en múltiples formatos (audiolibros, libros electrónicos, álbums ilustrados e libros interactivos), de temática diversa e dirixida a distintas franxas de idade, con especial atención ao público infantil.

A quinta comunidade en número de préstamos

Ademais, as estatísticas obtidas nestes meses de servizo (outubro 2014 - setembro 2015) sitúan a Galicia no quinto posto en número de préstamos, entre as catorce comunidades autónomas de España que iniciaron o servizo de préstamo do libro electrónico en 2014.

As obras máis prestadas foron, na colección de libro electrónico en galego, ‘A viaxe de Gagarin’, de Agustín Fernández Paz; ‘Os fillos do mar’, de Pedro Feijoo; o álbum ‘Maruxa’, de Eva Mejuto e Mafalda Milhões, ‘A memoria da choiva’, de Pedro Feijoo, e ‘Ámote Leo A.: destino Xalundes’, de Rosa Aneiros. Do catálogo en castelán, os libros electrónicos máis solicitados na plataforma galega foron ‘La ridícula idea de no volver a verte’, de Rosa Montero; ‘El principito’ (audiolibro), de Antoine De Saint-Exupéry, ‘El guardián invisible’, de Dolores Redondo; a triloxía ‘Cincuenta sombras’, de E.L. James; e ‘El mundo en tus manos’, de Elsa Punset.

GaliciaLe é unha plataforma de préstamo de libro electrónico da Rede de Bibliotecas Públicas Galegas, a través da cal se pon ao dispor da cidadanía un nutrido catálogo de libros e audiolibros en galego e en castelán, de xeito totalmente gratuíto. Os usuarios e usuarias que así o desexen poden acceder ás publicacións durante as 24 horas do día os 365 días do ano a través da páxina web www.galiciale.gal.

Plataforma dinámica

Trátase dunha plataforma dinámica, cuxo catálogo se vai incrementando. De feito, o pasado mes de xuño incorporáronse novos títulos, como o álbum ilustrado interactivo ‘Loboferoz’, que ofrece funcionalidades como a lectura do propio conto, a visualización dun vídeo animado e a gravación, por parte dos lectores, de escenas teatrais con personaxes do libro, entre outros. Así mesmo, froito dun acordo de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, incorporáronse 34 títulos en formato electrónico (sobre física, arte, historia, estudos xacobeos etc.) e están en proceso de incorporación outros 152 volumes.

Outra das novidades que se porá en marcha nos vindeiros meses son os clubs de lectura dixitais, espazos de lectura compartida entre usuarios, que contarán cun fondo de libros electrónicos destinados a este uso.

Modo de acceso ao servizo

Para facer uso deste servizo soamente é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, conexión a internet e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. O usuario ou usuaria poderá tomar en préstamo ata un máximo de dous libros durante un prazo máximo de 21 días. Se a obra ou obras que se buscan están prestadas, poderanse solicitar en reserva (ata un máximo de dúas). Unha vez realizado o préstamo, o usuario poderá optar pola lectura en liña ou descargar o libro electrónico en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e/ou lectores electrónicos.

Vantaxes do préstamo dixital

A posta en marcha de GaliciaLe levou aparellada unha serie de vantaxes para o panorama bibliotecario galego como foi o impulso do consumo legal de contidos electrónicos de calidade e a atención á necesidade dun amplo volume de usuarios e usuarias de bibliotecas que desde hai tempo viñan demandando un servizo destas características. Supuxo tamén a adaptación das bibliotecas públicas galegas aos novos hábitos sociais e aos novos formatos, ademais de garantir unha oferta de contidos actualizados e con novidades máis atractivas para os lectores e as lectoras.

Cómpre lembrar que este espazo virtual para o préstamo de libro electrónico foi desenvolvido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Amtega e co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, co principal obxectivo de adaptar os servizos bibliotecarios ao ámbito dixital e multimedia, ademais de mellorar o acceso á cultura por parte da cidadanía dun xeito máis áxil e totalmente gratuíto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia