Skip to main content

O sector agroalimentario é estratéxico en Galicia, tanto pola súa dimensión como pola súa transcendencia económica e social

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou en Tui na sesión de apertura dos terceiros Job days da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, organizados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial G-NP (GNP AECT), onde destacou que o sector agroalimentario é estratéxico na nosa Comunidade, tanto pola súa dimensión -dá emprego a máis de 30.000 persoas- como pola súa transcendencia económica e social, xa que factura máis de 10.000 millóns de euros anuais.

Ángeles Vázquez sinalou que, dende a Xunta, se aposta fortemente por impulsar as producións de calidade como estratexia de fomento do medio rural. Con este obxectivo, recalcou, creouse o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) para traballar na investigación e desenvolvemento deste sector punteiro en Galicia. Así, explicou a conselleira, o Ingacal fomenta e protexe a calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos mediante o impulso do desenvolvemento rural e da transferencia tecnolóxica.

A titular de Medio Rural, que estivo acompañada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, agradeceu a realización deste terceiro Job Days, posto que esta edición está centrada no sector da agroalimentación, co obxectivo de facilitar o contacto entre empresarios e profesionais deste sector e promover a mobilidade e a colocación e contratación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Nesta sesión de apertura tamén estiveron presentes o presidente da Cámara Municipal de Valença do Minho, Jorge Salgueiro Mendes, e representantes do EURES, do Clúster Alimentario de Galicia e do Polo de competitividade e Tecnoloxía Agroindustrial de Portugal PORTUGALFOODS.

Actividades

Estas “xornadas polo emprego” contan cunha área de exposición e stands, destinados fundamentalmente ao intercambio de información cos candidatos ás prazas vacantes que previamente se teñan ofertado; á realización de entrevistas cos candidatos; e á publicación das ofertas de emprego nunha plataforma informática especialmente habilitada para o evento. Hai dispoñibles máis de 25 ofertas de traballo no sector da agroalimentación.

Ademais, hai conferencias e presentacións temáticas especializadas, sobre asuntos como “o sector agroalimentario como motor de crecemento no período de financiamento 2014-2020” e “os desafíos do sector agroalimentario no mercado laboral transfronteirizo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

O primeiro job day, dedicado ao sector da metalmecánica, tivo lugar en xuño de 2014 en Tui e o segundo foi realizado en Vila Nova de Cerveira, no Alto Minho, dirixido ao sector hostaleiro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia