Skip to main content

Galicia terá unha oferta de emprego público de máis de mil prazas en Infantil, Primaria, Secundaria e FP en 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará no 2016 unha oferta de emprego público (OPE) de máis de 1000 prazas para ensino Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional, co fin de mellorar a estabilidade do corpo docente, que xa conta neste momento en Galicia coa taxa de interinidade máis baixa de todo o Estado. Así o explicou no Parlamento autonómico o titular do departamento, Román Rodríguez, nunha comparecencia na que debullou os orzamentos da Consellería para o vindeiro ano 2016.

Segundo destacou o conselleiro, as contas públicas do vindeiro ano reservan 1 de cada 4 euros para Educación e Cultura, o que dá conta do compromiso do Goberno galego con estas áreas. Isto permite contar cuns orzamentos que medran por primeira vez desde 2009, o que fai posible a maior convocatoria de prazas de profesorado desde o inicio da crise económica.

En total serán 2.250,8 millóns de euros – un 4,76% máis ca no 2015-, que se centrarán na blindaxe do sistema educativo sostido con fondos públicos desde os criterios da universalidade, a suficiencia financieira e a equidade; ao tempo que se facilita o acceso cidadán aos recursos culturais, se vela pola conservación do patrimonio e se impulsa – dentro e fóra das nosas fronteiras- tanto a nosa lingua propia como as industrias culturais do país.

No referido á OPE, e aínda pendente de concretar o número exacto de prazas ata que se coñeza a cifra de xubilacións, está previsto que haxa oposicións para mestres – nas especialidades de Educación infantil, inglés, francés, Educación física, Música, Educación Primaria, Pedagoxía terapéutica e de Audición e linguaxe-; e para profesores de ensino medio e FP – nas de Lingua Castelá e Literatura, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Educación física, Orientación educativa, Formación e Orientación Laboral, Hostalaría e Turismo, Informática, Intervención sociocomunitaria, Cociña e pastelería, Instalacións electrotécnicas, Mantemento de vehículos, Mecanizado e mantemento de máquinas, Servizos á Comunidade, e finalmente Sistemas e aplicacións informáticas.

Esta medida, segundo indicou Román Rodríguez, é posible grazas ao incremento da taxa de reposición ata o 100%, tal e como solicitara a Consellería en numerosas ocasións ao Goberno central.

De forma paralela, o capítulo I dos Orzamentos da Consellería, o dedicado aos gastos de persoal, increméntase nun 4,7% como consecuencia de dúas medidas, por unha parte o incremento do 1% das retribución e, por outra, a devolución da paga extra do ano 2012. Así mesmo, no marco desta medra, destinaranse máis de 9 millóns de euros a desdobramentos na ESO para a implantación da LOMCE e comezarase de forma paulatina a contratación de persoal auxiliar administrativo para os centros de educación infantil e primaria de máis de 400 alumnas e alumnos que libere de cargas administrativa aos equipos directivos.

Xa no capítulo IV, o conselleiro aclarou que se incrementan lixeiramente as partidas destinadas ao ensino concertado, debido ao incremento do 1% no módulo retributivo ao igual que para os docente públicos e pola devolución da contía que fora minorada no 2012 en proporción semellante ao descenso da paga extra na Administración. En calquera caso, Román Rodríguez lembrou que o seu departamento destina o 11,1% do seu orzamento ao ensino concertado, que atende a máis do 27% do alumnado galego.

O titular do departamento educativo da Xunta quixo salientar o incremento de case o 30% nos investimentos da Consellería ao abeiro dos fondos FEDER, o que permitirá dispoñer de 21,4 millóns de euros para infraestruturas educativas, nomeadamente para o inicio no novo centro Sagrado Corazón en Lugo, os novos CEIPs de Culleredo e de Mesoiro (A Coruña) e as ampliacións do CPI Conde de Fenosa (Ares) e dos CEIPs As Mercedes (Lugo) e Alfonso D. Rodríguez Castelao (Vigo). Na etapa de secundaria os principais investimentos previstos son a continuación das fases II e III da renovación do CIFP As Mercedes en Lugo, a construción do novo IES de Soutomaior, e as ampliacións dos IES de Teis (Vigo), Asorey (Cambados), María Sarmiento (Viveiro) así como as obras de acondicionamento no IES María Soliño (Cangas).

Ademais, por primeira vez nuns orzamentos galegos figura unha partida específica de case 3,3 millóns de euros para a mellora da eficiencia enerxética dos centros de ensino, o que permitirá actuar sobre as envolventes dos edificios, as cubertas, carpinterías e sistemas de calefacción. A maiores disto, haberá unha dotación de 1,7 millóns para a ampliación das instalacións dos centros para acoller novos ciclos de FP.

Pola súa parte o capítulo II, de gastos correntes, dará cobertura a un incremento do 4,4% - ata acadar os 58,6 millóns- para os gastos de funcionamento dos centros educativos, o que permitirá tamén atender programas de mellora e implantación da FP Básica no seu segundo ano de funcionamento.

Así mesmo, queda blindado o servizo de transporte escolar, o máis amplo de todo o Estado; e o de comedor, que volve a repetir a cifra de 28,8 millóns de euros. Cómpre sinalar que os comedores tamén absorben máis de 15,7 millóns destinados aos gastos de persoal que atende os comedores de xestión directa.

Tamén como apoios complementarios, resérvase unha partida de 11,2 millóns de euros para axudas á adquisición dos libros de texto e outra de 3 millóns para consolidar os novos vales para a compra de material escolar, unha medida posta en marcha este curso, segundo un modelo progresivo de apoio ás familias en función da renda económica.

Co fin de avanzar cara ao obxectivo da excelencia educativa, a Consellería contará cun 50% máis de orzamento para formación do profesorado, un 14,2% máis para innovación educativa, un 21% máis para a acreditación de competencias profesionais, o dobre para proxectos de mellora da calidade, e un máis 15% para os proxectos de I+D en FP, ademais de incrementarse a partida para a FP Dual.

Neste sentido, incrementaranse tamén nun 13% os investimentos asociados a éxito escolar e prevención do abandono e mantense unha partida de máis de 900.000 euros para bibliotecas e material dixital cos que garantir o funcionamento do Plan LIA (Lectura, Información, Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares.

No que atinxe ao Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que permite o acceso a un ensino plurilingüe nos centros sostidos con fondos públicos a través de seccións bilingües, centros plurilingües e auxiliares, entre outras accións ás que se destinan máis de 2,5 millóns de euros.

Cómpre salientar, ademais, que o programa destinado á Educación Especial experimenta un incremento do 4,9%, con incrementos que sobrepasan o 1% retributivo co fin de contratar a máis profesionais, e acumulando un 14,7% de incremento nos gastos de funcionamento.

Na súa comparecencia Román Rodríguez fixo fincapé na política que a Xunta desenvolve para o fomento da lingua galega. Desta forma, manteranse as partidas destinadas ás actividades de dinamización lingüística, así como os apoios aos medios en lingua galega e empresas editoriais da nosa Comunidade, as bolsas do Centro Ramón Piñeiro e o financiamento á Real Academia.

Entre as novidades máis importantes neste eido o conselleiro salientou a posta en marcha do Portal Xurídico Galego, unha medida sen precedentes en España que vai permitir o libre acceso de toda a cidadanía a normas consolidadas para o uso da lingua propia da Comunidade na Administración e na Xustiza. Así mesmo, comezarán a funcionar ferramentas terminolóxicas que facilitarán o emprego do galego nas TIC. Así mesmo, continuarase o labor de promoción do galego no exterior a través das bolsas de lectorado nas universidades do resto do Estado e do estranxeiro, así como a través de convenios con entidades como o Instituto Cervantes.

Espazo destacado na política lingüística ocupa, finalmente, o Plan de Dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, “que permitirá importantes avances do noso idioma nun ámbito que historicamente lle foi negado, e de transcendental importancia na sociedade actual”.

No referido aos investimentos en materia cultural, cómpre sinalar o incremento do 61% nos dirixidos á conservación do patrimonio, con partidas reservadas para o mantemento do cuartel de San Fernando, a restauración da Catedral de Mondoñedo, actuacións de posta en valor do mosteiro de Sobrado dos Monxes, restauración e mantemento da Muralla de Lugo, acondicionamento da Ponte Vella de Ourense e conservación do mosteiro de Oseira, entre outras.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural manterá as bolsas para a conservación do patrimonio, as achegas correntes ao Museo do Pobo Galego e as axudas a institucións e entidades sen ánimo de lucro; ao tempo que incrementará a contía destinada á Fundación Mar de Galicia.

De forma paralela, mantense o apoio ao Museo do Pobo Galego, ao Consorcio de Santiago, ao MARCO de Vigo, ao Centro Ramón Piñeiro e á Fundación Cela. No referido á Fundación Cidade da Cultura, a contía transferida ascenderá a pouco máis de 9 millóns, dos que 5,4 se destinan aos gastos correntes – incluídos os de servizos e consumos do Centro de Proceso de Datos da Xunta- e o restante vai dirixido á continuación das obras de urbanización e humanización, así como ao Bosque de Galicia, xardín literario e adecuacións de áreas de lecer.

Así mesmo, merecen ser destacados os investimentos en materia de museos, que se incrementan en máis de 700.000 euros, e os preto de 1,7 millóns de euros destinados a axudas aos concellos para acometer obras e equipamentos nos seus edificios e instalacións e para actividades culturais. Existe, asemade, unha importante aposta polas actividades de animación á lectura e polas feiras internacionais lo libro, coincidindo coa condición de Santiago de Compostela de cidade convidada na vindeira edición da feira do libro de Bos Aires, incrementándose, no seu conxunto, o crédito destas dúas partidas nun 83%.

De forma paralela, mantense o crédito destinado ás axudas á edición, concretamente para tradución, así como as axudas a concellos para os investimentos en materia de arquivos e fondos bibliográficos.

Por último Román Rodríguez quixo chamar a atención sobre o esforzo orzamentario que a Xunta de Galicia fai para o impulso das nosas industrias culturais, e que se eleva a 10,3 millóns de euros para a Agadic. Con esta contía, poderase incrementar en ata 10 concellos o número de participantes en ‘Cinemas de Galicia’ e reeditaranse iniciativas de éxito como ‘Cultura no Camiño’, ‘Cine en curso’ ou ‘Galicia Profilme’.

No ámbito da internacionalización darase continuidade á presenza galega nas misións empresariais e principais feiras do sector; mentres que xa en Galicia se convocarán de novo axudas ao talento e subvencións para a cadea de materialización de proxectos, desde o desenvolvemento ata a produción. No referido á distribución interior, repetirase o apoio da Consellería a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, da Rede Galega de Música ao Vivo e da Rede Galega de Salas, así como das axudas a festivais.

Ademais, o conselleiro comprometeuse coa continuación do imprescindible labor do Centro Dramático Galego (CDG) e do Centro Coreográfico Galego (CCG); ambos os dous símbolos do talento cultural do país.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia