Skip to main content

Feijóo apela ao sector turístico galego como un proxecto colectivo que acada cifras históricas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á industria turística galega como un “proxecto colectivo” que implica toda Galicia e que, grazas á intensa colaboración entre o sector público e o privado, está a acadar cifras históricas. Así o manifestou durante a súa intervención na inauguración III Congreso Internacional de Calidade Turística que ata o vindeiro 30 de outubro se celebra na Coruña.

O mandatario galego apuntou que ata o pasado mes de setembro, o último do que se contabilizaron os datos, visitaron Galicia máis de 3,3 millóns de viaxeiros. Un 12,3% máis que o mesmo período do ano pasado; un 9,6% máis que o último Ano Xacobeo; e o maior incremento rexistrado por unha Comunidade en toda España.

Segundo considerou, o turismo é a “multinacional máis numerosa, a máis repartida e a máis heteroxénea” coa que conta a Comunidade, que foi quen de atopar as súas vantaxes comparativas, de escoitar os sinais que emitía o mercado e, sobre todo, de non resignarse a un papel secundario.

No que a turismo se refire, “Galicia non se quedou absorta no pasado”, dixo, e puxo como exemplo o constante crecemento das entidades certificadas coa marca Q de Calidade Turística, que xa alcanza os 268 establecementos e instalacións turísticas. Uns recoñecementos, engadiu, que proban a aposta incesante pola calidade que está a realizar todo o sector e que a Administración galega quere apoiar.

Mencionou, así, os servizos de consultaría ofrecidos pola Xunta para a implantación da Q de Calidade Turística, e as liñas de axuda específicas para a certificación e a cota de mantemento da marca. E destacou ao respecto que Galicia é líder no subsector de hoteis, apartamentos turísticos e establecementos rurais certificados. E tamén no eido dos balnearios, as instalacións náuticas, de turismo activo, de ocio nocturno e no turismo industrial.

“Antes de Galicia íase, e hoxe a Galicia vense”, afirmou. É “a terra do Camiño con maiúsculas, e tamén a terra dos camiños con minúsculas. Todos nos irmandan co resto de España, con Europa e co mundo”, concluíu.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia