Skip to main content

Apróbase a Estratexia de Discapacidade 2015-2020 cun financiamento de 800 millóns

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a Estratexia de Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta, consigna 800 millóns de euros para a posta en marcha de 480 actuacións coas que afondar na atención social, laboral e sanitaria que reciben as persoas que padecen algún tipo de discapacidade.

Segundo dixo na rolda de prensa posterior á xuntanza semanal do Executivo autonómico, este documento é froito da participación e o consenso, posto que recolle os traballos realizados nos últimos meses en colaboración permanente coa totalidade das entidades do ámbito da discapacidade que se integran en CERMI-Galicia.

A estratexia, indicou, recolle seis eixos de acción prioritarios. O primeiro deles, a accesibilidade, coa finalidade de asegurar a accesibilidade universal das persoas con discapacidade aos contornos físico, social, económico, político e cultural. O segundo, a autonomía persoal, xerando as condicións favorables para unha participación autónoma en todos os ámbitos.

En terceiro lugar, outro dos eixes é a educación, coa meta de promover unha educación e unha aprendizaxe permanente para as persoas con discapacidade en igualdade de condicións que o resto da poboación. Tamén o eixo da formación e o emprego, pretende facilitar o emprego e a empregabilidade das persoas con discapacidade e apoialas para a a busca, obtención, e mantemento do seu posto de traballo.

En quinto lugar, citou como outra liña de acción a saúde, coa misión de acadar unha asistencia sanitaria integral en igualdade de condicións que o resto da poboación atendendo ás necesidades específicas de cada persoa con discapacidade. E, por último, os servizos sociais, coa vontade de lograr que o conxunto de intervencións, programas, servizos e prestacións do sistema de servizos sociais dea resposta ás necesidades das persoas con discapacidade e o seu contorno.

Unha estratexia continuista e innovadora

Feijóo sinalou que con estes obxectivos, a estratexia plantexa unha serie de novas medidas, ademais dalgunhas que se puxeron en marcha na planificación anterior (2010-2013). Así, destacou que se porán en marcha liñas de axuda aos concellos para mellorar a accesibilidade dos recursos turísticos. Tamén que se desenvolverán actuacións de mellora da accesibilidade nas infraestruturas portuarias.

Por outra banda, referiuse á implantación dun sistema tecnolóxico de información do sistema de transportes de Galicia (Sistema de axuda á explotación da mobilidade-SAE Galicia), que ofreza información en tempo real da oferta de transporte, co requirimento de adaptabilidade no desenvolvemento deste sistema.

Feijóo salientou como outra medida destacable a aprobación da carteira de servizos para a atención a persoas con discapacidade autónoma, de xeito que se organice en base a prestacións e non a infraestruturas. E, na mesma liña, o establecemento de axudas individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, e de servizos complementarios de asistencia persoal a persoas con discapacidade.

A estratexia recolle tamén o deseño de programas de asesoramento e orientación académica e profesional para os procesos de tránsito entre etapas educativas que proporcionen solucións adaptadas ao alumnado con necesidades de apoio educativo. E a elaboración dun catálogo de postos de traballo para persoas con discapacidade no eido do emprego público.

Ademais, porase en marcha unha liña de axudas que complementen as xa existentes en materia de transporte, no caso de gastos xerados polo desprazamento ao posto de traballo; e promoveranse medidas que favorezan o tránsito dos traballadores con discapacidade desde o centro especial de emprego cara ao mercado ordinario.

Entre outras das medidas máis salientables, destaca tamén a garantía dunha axeitada atención psicolóxica dirixida ás mulleres e homes con discapacidade e ás súas familias; un programa de adaptación da rede de centros da Administración autonómica para que sexan totalmente accesibles; a ampliación da taxa de cobertura do Servizo de Axuda no Fogar, coa consideración do envellecemento temperán da poboación con discapacidade como un dos criterios de ponderación na asignación de horas aos concellos; ou a mellora dos prazos de tramitación e a simplificación dos procedementos de solicitude e valoración para servizos e prestacións.

Feijóo asegurou que a Xunta contou co sector para a elaboración desta estratexia e agora continuará traballando con el nesta segunda fase para aplicar as medidas incluídas nesta planificación.

Un colectivo de atención prioritaria para o Goberno galego

O mandatario galego salientou o compromiso da Xunta coas persoas que padecen algunha discapacidade e, ao respecto, asegurou que a partida que recollen os orzamentos de 2016 para este colectivo medra un 11%. Tamén indicou que as prazas públicas destinadas para elas subiron un 20% máis que hai seis anos. E mencionou os convenios asinados pola Administración autonómica para o traslado dos nenos e nenas con discapacidade; ou os novos programas de axudas con financiamento europeo dirixidas á supresión de barreiras en infraestruturas sociais e espazos públicos.

Segundo dixo, de acordo aos datos do censo de 2014, hai en Galicia un total de 214.248 persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e, delas, aproximadamente o 45% están en idade laboral.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia