Skip to main content

Vence salienta que a candidatura de Nós será a única que defenderá Galicia

O BNG parabenizou á coordinadora de Iniciativa pola Unión polo impecable desenvolvemento das primarias coa participación de 4.022 persoas que elixiron aos integrantes de NÓS-Candidatura Galega para o 20D. “O proceso de primarias abertas funcionou á perfección”, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence, “quen quixo candidatarse e participar puido facelo sen limitación algunha”.

Salientou a participación de militantes de todas as forzas políticas integradas en IpU, -Bloque, PG, PCPG, Foga, TG-, militantes recoñecidos mesmo de forzas políticas que non participaron directamente no proceso de primarias, como CxG, Cerna ou EU, e especialmente das persoas sen adscrición política algunha.

“Diversidade e pluralidade, unha bocalada de ilusión porque coa elección da candidatura empeza unha nova etapa para seguir sumando forzas e persoas para o 20D ser a voz propia e potente que defenda Galiza no Congreso, e para facer unha mudanza profunda das políticas neoliberais”, alegou Vence.

“Para todos e todas as que queremos unha candidatura en clave de país, plural, para defender a Galiza con uñas e dentes no Congreso dos deputados, o noso status como nación, para combater as políticas de recortes de dereitos e de servizos, imos ter a papeleta de NÓS-Candidatura Galega que representa eses valores e aspiracións”.

Neste sentido, o Bloque considera que o máis importante empeza agora “coa elaboración dun programa participativo para mudar as cousas e para que Galiza teña quen a defenda de verdade no Congreso”. Defensa dos servizos públicos, dos sectores produtivos para xerar emprego, das conquistas sociais e do pleno autogoberno, serán os eixos dese programa elaborado colectivamente.

“NÓS-Candidatura Galega é a opción de todos os galegos e galegas que queren ter en Madrid un grupo parlamentario propio que só obedeza ao que se decida en Galiza sen estar supeditados ao ditado ou estratexia de ningún grupo estatal. Unha candidatura de nós, pensados por nós, elaborada polos galegos e galegas para defendernos no Congreso nunha lexislatura que será clave”, explicou Vence.

Neste sentido, o Bloque considera que NÓS “é a única candidatura decidida en Galiza para representar a Galiza sen supeditacións a ningún grupo estatal”. Todos os galegos e galegas terán a opción de escoller a papeleta de NÓS-Candidatura Galega fronte a outras listas, “incluída a que se supedita á estratexia de Podemos”.



Gabinete de Comunicación do BNG