Skip to main content

Quintana asegura que hai consenso no sector do cerco e unhas regras de xogo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lembrou en Lugo que as posibles modificacións das claves de reparto das cotas do sector do cerco ten que basearse nun consenso do conxunto de todo o sector. “Con imposicións non se vai a ningún sitio. As regras de xogo non se poden cambiar a punto de terminar un partido. Hai un consenso entre todos os representantes do sector de todas as comunidades autónomas e unhas regras do xogo postas que hai que respectar”, subliñou.

A titular de Mar apelou ao sentido común e defendeu que en xeral os pescadores galegos “nunca estableceron diferencia entre os uns e outros e están todos dispostos a sentarse e ver como é a mellor xestión desta pesquería. Sinalou ademais que os resultados deste ano acreditan que se está facendo un bo aproveitamento das cotas de pesca”.

Por iso lamentou que algúns representantes do cerco sinalen que esgotaron a cota e que rexeiten as 500 toneladas de novas posibilidades de pesca que conseguiu de maneira excepcional a Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Tamén lamentou que rexeitasen a posibilidade que lle ofreceu por escrito o Secretario General de Pesca de sentar a todas as partes unha vez que finalice a campaña para facer unha análise do plan de xestión que está en vigor neste momento.

Por outra banda, destacou que os datos constatan que este ano os resultados económicos da frota do cerco son mellores que os do ano 2012. Neste sentido, explicou que “hai algúns barcos de Acerga que no 2012 facturaron 60.000 e 90.000 euros e que a día de hoxe están facturando máis de 600.000 euros.

Ademais lembrou que cos argumentos que os gobernos autonómico e estatal levan aportado á Unión Europea conseguiuse dende 2009 un incremento do 52% nas cotas das especies obxectivo do sector do cerco. A isto hai que engadir, dixo, que a proposta que fai a Comisión Europea para as posibilidades de pesca do ano que vén inclúe “un incremento do 27% na cota de xurelo para a zona VIII c , é dicir a zona da Mariña, e dun 15% para a zona de Fisterra cara ao sur. Neste sentido, destacou que dende a Xunta se seguirá traballando nesa liña, a de intentar convencer con argumentos á UE “para conseguir cada día máis posibilidades de pesca”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia