Skip to main content

Espacios Sonoros propone un viaje por la historia del arte para recuperar el sonido de la música antigua

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O ciclo Espazos Sonoros propón, o sábado 1 de outubro ás 17:00 horas, un achegamento diferente á música antiga cunha viaxe a través das artes plásticas para recuperar os sons ocultos nelas. Faino co obradoiro ‘Retratos sonoros. O son da pintura’, no que as persoas inscritas terán ocasión de compartir un espazo para a difusión e o coñecemento da música antiga nun marco de especial valor patrimonial como o que ofrece o pazo de Liñares, en Lalín.

Moderado por Andrés Díaz e coa participación de Benito Buíde, Nerea Casanova, Víctor Illán e Pablo Ruibal, o obradoiro afondará nas interconexións entre as artes plásticas e a música, nunha proposta do que se pode ver e escoitar dunha obra de arte. Con este fin, na actividade indagarase e reproducirase, con música ao vivo –comentada e interpretada con instrumentos de época–, escenas de obras pictóricas e outras representacións iconográficas, para intentar coñecer que sons e que músicas as inspiraron.

Previamente ao inicio da sesión, as persoas participantes no obradoiro poderán realizar unha visita guiada polo pazo de Liñares, un dos mellores expoñentes da arquitectura palaciana galega. Da man de guías expertos e do investigador Francisco Rubia Alejos, a visita permitirá afondar na historia do pazo, na importancia que acadou ao longo do tempo ata a súa decadencia e nos detalles da vida cotiá que alí se desenvolveu cando foi residencia de verán da familia dos Taboada.

A próxima semana, o ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, baixo a dirección artística de Belén Bermejo, prosegue a programación musical da súa novena edición cun concerto do Ensemble Gilles Binchois. O grupo, considerado un referente na investigación e na interpretación de música antiga, actuará o sábado 8 de outubro, ás 20:30 horas, na igrexa de Santa María de Baiona.

Desde o pasado 3 de setembro e ata o 18 de outubro, o festival Espazos Sonoros celebra a súa novena edición cun programa de nove concertos en espazos singulares do patrimonio galego. A música, a arquitectura e a paisaxe volven ser os protagonistas deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación que en 2016 percorreu edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Palas de Rei e de Monterrei coa música de grupos galegos e internacionais como Le Miroir de Musique, Tres pesos, o dúo César Prata e Ariel Ninas, Solo Voces e Adrián Regueiro, La Compagna e La Xácara, acompañada de rutas e visitas guiadas para coñecer o patrimonio cultural galego.

Logo do obradoiro de achegamento á música antiga, no pazo de Liñares, e do concerto do Ensemble Gilles Binchois na igrexa de Santa María en Baiona, Espazos Sonoros emprenderá a recta final da programación deste ano nos concellos de Bergondo e da Coruña os días 15 e 18 de outubro, respectivamente. No pazo de Mariñán, coincidindo co catrocentos aniversario da morte de William Shakespeare, o tenor Wilfried Rogl e o conxunto austríaco Rosarum Flores recrearán o contexto musical no que viviu o escritor, cun repertorio de música para laúde. Finalmente, a sesión de clausura abordará a recuperación da figura e da obra da pianista e compositora Rosa García Ascot, cun concerto de Paula Ríos na sede da Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario na Coruña.
Espazos Sonoros na rede

A programación completa da novena edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en Espazos Sonoros 2016. Todos os concertos do festival son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia