Skip to main content

El BNG pide llegar a un gran acuerdo contra los incendios que implique un cambio en la política forestal de la Xunta de Galicia

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

Un ano máis o monte volve a arder sen que a Xunta teña os deberes feitos, a contrario, limitouse a desfacer as medidas adoptadas para acabar coas causas estruturais do lume, non foi capaz de desenvolver unha política de posta en valor do monte e segue combatendo os incendios como fai décadas pese ao cambio de patrón e a “desestacionalización” dos lumes.

Tras poñer en valor o traballo do persoal anticiendios e solidarizarse coas persoas afectadas, a portavoz nacional, Ana Pontón, explicou as medidas do BNG, inmediatas e a medio prazo, convidando a fuxir do “cortoprazismo” e do rédito político ante un tema “de país”. “Eu nunca me farei unha foto cunha mangueiriña”, explicou graficamente.

No curto prazo, e á vista das 2.200 hectáreas que xa foron pasto das lapas, o BNG fai tres propostas. Primeiro, que a Xunta poña en funcionamento o 100% do operativo de loita contra os lumes garantindo o seu carácter público e a súa profesionalidade. Segundo, convocatoria inmediata da liña de axudas para a limpeza de montes con rozas masivas e un incremento das franxas de protección, “para priorizar a preservación de vivendas e infraestruturas”.

E, en terceiro lugar, aprobación do Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) 2017 sen esperar ao mes de maio. Como medidas a medio prazo, Pontón aposta por non usar os lumes dun xeito “partidario” e chama a sacar adiante un “gran acordo contra os incendios forestais e en defensa do monte”. Ese acordo debe pasar por diversificar o aproveitamento do territorio sen hipotecalo á estratexia de ENCE e ao monocultivo do eucalipto e debe incluír un plan para revitalizar o rural.

“Para o BNG a loita contra o lume é unha cuestión de país, fai falta unha proposta seria e é fundamental que todas as forzas políticas e todos os axentes sociais implicados nos poñamos a traballar en defensa do noso medio rural e cun gran acordo do país, porque non vale mirar para outro, hai que facer propostas”, alegou.

O BNG considera que se trata dun problema con múltiples caras: abandono do medio rural, despobación e envellecemento, unha industria do lume e intereses espurios arredor da extinción, un goberno carente dunha política que poña en valor o monte, citou Pontón.

“Un monte ordenado e produtivo é o mellor antídoto contra os incendios porque un monte limpo, ordenado, ao que se lle saca proveito é máis difícil que arda e se o fai sería máis fácil apagar o incendio”, argumentou a dirixente do Bloque, quen tamén pediu incrementar a implicación social e máis dotación pública para loitar contra as persoas incendiarias.
R.