Skip to main content

La Xunta avanza en su plan de transporte y limitará el número de concesiones por empresa. El BNG acusa a Feijóo de enquistar el conflicto

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

A portavoz nacional, Ana Pontón, dirixiuse a Feijóo para dicirlle que o problema do transporte público, que afecta a milleiros de usuarios e usuarias en todo o país, “non se soluciona nin con soberbia, ni con prepotencia, nin co ordeno e mando do consello da Xunta, ao contrario, provocará un enquistamento e unha xudicialización dun problema creado por anos de decisións equivocadas do Goberno do PP”.

Ademais de abrir unha folga indefinida no sector, “veremos como esta fuxida cara adiante” aprobando un plan que ten un rexeitamento maioritario “van pagala os traballadores e traballadoras e o conxunto da cidadanía polo deterioro na prestación do servizo de transporte público escolar e de pasaxeiros, sobre todo no rural”, indicou.

Chegado a este punto, o BNG pide ao goberno “sensatez e diálogo” e a dimisión ou o cese da conselleira Ethel Vázquez, por ter demostrado que carece de capacidade de diálogo co sector. “Provocou un conflito maior pola vía de convocar reunións pola mañá que se desconvocan pola tarde”, como paso previo “ao golpe de man” de aprobar o plan no Consello da Xunta, criticou Pontón.

“Feijóo ten que deixar de agocharse tras a conselleira e dar a cara poñéndose á fronte da negociación para solucionar un conflito que el provocou”, indicou a dirixente do nacionalista, quen lle traslada ao xefe do Executivo que “un bo gobernante non é o que actúa con prepotencia e chulería, senón o que é capaz de dialogar e buscar solucións de consenso”.

Pontón pregúntase que se oculta detrás da decisión de aprobar un plan que ten en contra ás empresas, traballadores e forza políticas, “que intereses ocultos ten Feijóo tras a aprobación deste plan, indo contra todo o mundo, incluído a maioría social que pide melloras e non recortes neste servizo básico, que hai detrás de todo isto para seguir adiante cun plan que é unha auténtica chapuza e que vai destruír emprego, haberá intereses ocultos detrás desta decisión”, interpelaba.

O Bloque pide a retirada do plan e iniciar unha negociación honesta e rigorosa con todos os axentes implicados, porque nada obriga á Xunta a aprobar o plan hoxe, por contra, informes xurídicos indican que pode haber un prazo dun ano para dialogar con empresas, traballadores, concellos, comunidade educativa e Parlamento. Igualmente, propugna un estudo solvente das necesidades de mobilidade e ir a un plan integral que inclúa outras modalidades como o ferrocarril ou o transporte marítimo por ría.

R.