Skip to main content

BNG y En Marea critican que sea la Fundación Franco quien gestione las visitas al Pazo de Meirás y piden su devolución

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

En Marea rexeita a decisión que permite que a Fundación Francisco Franco sexa a que xestione as visitas ao Pazo de Meirás, tendo en conta os antecedentes que, desde o expolio no que foi conseguido o pazo, ata os reiterados incumprimentos da lei á hora de atender ás persoas interesadas en visitar a propiedade. En Marea rexeita esa xestión e pide, novamente, que se reclame a propiedade para o público.

Ánxeles Cuña lembrou as principais datas da historia do Pazo de Meirás, desde o golpe de 1936 ata o momento de 1937 no que mediante "un roubo a man armada, deciden agasallar ao ditador co pazo que foi de Emilia Pardo Bazán mediante ameazas, expropiacións e contribucións forzosas". A deputada da comisión de Cultura de En Marea, explicou que chegado 2008, a Xunta de Galicia declara o pazo BIC o que implica que o "monumento ten que ter horario de visitas e aquí comezan os problemas porque a familia comeza a poñer atrancos para a apertura e incumpre por sistema a atención ao público".

Para Cuña o feito de que agora a Fundación Franco "xestione o horario de visitas non é máis que outra bulra porque é unha entidade franquista e supón unha prolongación do expolio co que foi conseguido o pazo de xeito completamente ilexítimo".

Antón Sánchez recordou a situación do Pazo de Meirás era completamente irregular para a cidadanía, "primeiro porque non podemos deixar de lembrar que é un expolio que ese patrimonio estea en mans da familia do ditador e que nin sequera cumpran coa regulación da Xunta respecto das visitas". Para o vicevoceiro de En Marea "Galicia debe ser o único lugar de Europa no que a familia dun ditador conserva os bens obtidos como resultado desa ditadura, isto non pasa en ningún outro lado". No mesmo sentido, Sánchez sinalou que o que é necesario é que Galicia recupere a normalidade democrática mediante a recuperación do "patrimonio do Pazo de Meirás para uso público".

Sánchez sinalou que a idea de que a xestión da visitas sexa levada a cabo por quen en realidade non quere visita ningunha non é máis que a demostración de que o PP "protexe os intereses da familia Franco e, polo tanto, está protexendo os intereses do fascismo e non se entende que un partido que se di demócrata siga protexendo ao fascimo e as palabras nisto non valen: o que valen son os feitos e os feitos din que o PP protexe o franquismo".

O deputado de En Marea pediu que o PP "abandone esta actitude e cumpra coas obrigas democráticas que, entre outras cousas, son a devolución ao público do patrimonio expoliado e facer cumprir as normas da Xunta para o uso público do patrimonio".

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

O BNG presentou unha batería de iniciativas parlamentarias contra o disparate de que sexa a Fundación Franco quen xestione as visitas do Pazo de Meirás. “É un insulto á memoria e ás vítimas da ditadura fascista, mais tamén á dignidade de Galiza, que esta entidade que ten como fin loubar a figura e o pensamento do ditador e xenocida sexa quen xestione as visitas deste Ben de Interese Cultural (BIC)”, denunciou a portavoz parlamentaria de Cultura Olalla Rodil.

Pregúntase o BNG se pode unha asociación coma a Fundación Franco trasladar unha información “veraz” do acontecido durante a ditadura en Meirás e no conxunto de Galiza, “toda vez que non só lexitima o réxime fascista senón que o promove e o defende abertamente.

O BNG reitera o seu rexeitamento a que o Pazo de Meirás continúe en mans da familia Franco como unha "illa de impunidade", por iso reclamará na Cámara a creación dunha comisión que estude a devolución do Pazo de Meirás aos seus lexítimos propietarios: o pobo de Sada. Ademais, insta á Xunta a dirixirse á familia Franco para expresar o seu rexeitamento a que sexa esta entidade a encargada das visitas.

O Bloque ven de presentar a entidades, colectivos e persoas que traballan na memoria histórica a Proposición de lei galega da memoria que impulsará na Cámara na que se inclúen, entre outras cuestións, anular s xuízos do franquismo, a supresión de toda a simboloxía fascista que aínda permanece en múltiples lugares do país, a institucionalización do Día da Galiza Mártir e a declaración de San Simón como illa da memoria.

Igualmente, a creación dunha comisión da verdade, unha oficina de atención ás vítimas e a elaboración dun amplo estudo non só da represión senón tamén da loita de resistencia contra o franquismo, como por exemplo a guerrilla, e que se faga a través do sistema educativo e dos medios de comunicación públicos.
R.