Skip to main content

La situación del Pazo de Meirás, la precariedad laboral y la reforma sanitaria centran el primer debate del nuevo curso parlamentario gallego

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou que o próximo Pleno estará centrado na reforma da Lei de Saúde coa que a Xunta quere suprimir as áreas sanitarias comarcais e reducir a participación social. A sesión de control ao presidente centrarase precisamente neste asunto, do que tamén que terá que responder o conselleiro de Sanidade grazas a unha interpelación presentada polo grupo socialista.

Fernández Leiceaga explicou que, logo de que o conselleiro de Sanidade renunciara a comparecer atendendo á petición de toda a oposición, “vai ter unha sesión continua neste Pleno e no seguinte”. Tanto el como Feijóo terán que dar conta da importante redución de servizos sinaladamente nos hospitais de Burela, O Salnés, Valdeorras e Monforte, pola iniciativa do goberno dirixida a “recentralizar servizos nas capitais provinciais”.

Resumiu que a supresión das áreas sanitarias supón “unha mala noticia” para a sanidade pública e polo tanto para toda a cidadanía, polo que “queremos que forme parte do centro do debate político neste mes”.

Os socialistas galegos presentarán ademais unha proposición non de Lei relacionada co plan de transporte da Xunta, na que solicitan a constitución dunha mesa de traballo coa participación de tódolos sectores implicados e que permita o seguimento da execución do plan dende o Parlamento.

Tamén levarán á primeira sesión do novo curso parlamentario as modificacións decididas de forma unilateral polo goberno galego na distribución da rede de centros a finais do curso pasado, que supuxo o peche ou traslado dos centros de As Pontes, Outes, Ribadavia e Porriño.

Os socialistas galegos reclaman que o goberno consensúe a rede de centros coa comunidade educativa, “de xeito que se garanta de forma efectiva a igualdade de oportunidades a toda a poboación de Galicia”, garantindo ademais a atención ás persoas con necesidades educativas especiais.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

O voceiro de En Marea, Luís Villares, lamentou na rolda de prensa posterior a xunta de voceiros que o grupo popular rexeitase a petición de comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, para explicar o anteproxecto da Lei de saúde que o PP presentou en pleno de mes de agosto e que considerou “un atentado contra a un dereito fundamental como é a saúde”. “O PP pretende facer negocio coa saúde da cidadanía para o que nada lle importa afastar a sanidade das persoas, reducir a autonomía dos hospitais comarcais ou empeorar a atención primaria” denunciou o voceiro de En Marea que asegurou que o seu grupo está decidido a defender os dereitos de toda a poboación de Galicia con independencia do lugar onde viva.

Seguindo co tema do benestar social, o grupo de En Marea levará a pleno unha iniciativa na que se insta ao Goberno galego a escoitar ás veciñas e veciños de Rianxo que continúan a súa loita para lograr que se constrúa un centro de día no municipio. Esta mesma mañá o grupo de En Marea sumouse á concentración organizada ás portas do Parlamento na que a veciñanza de Rianxo volveu a esixir que se atendan a súas demandas. “Apoiamos ás veciñas e veciños na súa mobilización e no seu peche no Concello desde o primeiro momento, agora levaremos ao pleno do Parlamento a súa xusta reivindicación” afirmou Luís Villares.

Outra das iniciativas que o grupo de En Marea levará ao vindeiro pleno será unha proposición non de Lei sobre o Pazo de Meirás na que se insta ao remate da concesión á Fundación Francisco Franco, “unha fundación que debería estar ilegalizada e contra a que a Fiscalía debería estar a actuar”. “Non hai nada máis antitético que a barbarie e estamos a falar dunha Fundación que pretende poñer en valor a figura dun asasino, un bárbaro, polo tanto non son quen de xestionar un ben cultural” declarou Villares. Por este motivo, En Marea solicitará á Xunta de Galicia que acabe coa concesión das visitas a esta Fundación, ao tempo que reclama que a propiedade do Pazo de Meirás sexa devolto ao pobo a quen se lle roubou coma se fose un “botín de guerra”.

O emprego será outro dos temas destacados a tratar por En Marea no pleno xa que como afirmou o voceiro “vivimos na ditadura do precariado nun modelo no que os traballadores son tratados coma unha mercancía máis”. Neste sentido o grupo parlamentario presentará tres iniciativas relacionadas co emprego e a situación actual. A primeira delas relacionada co modelo de extinción e prevención de incendios forestais baseado na precariedade laboral o que supón un ataque contra os dereitos dos traballadores e traballadoras, ademais dunha perda da calidade do servizo e das condicións de seguridade. A segunda centrarase nos alarmantes datos de sinistralidade laboral coa maior taxa de sinistralidade laboral do Estado, algo moi relacionado tamén coa precariedade laboral que incide de xeito directo nos accidentes laborais.

“Estamos ante un modelo insostible e por iso tamén a pregunta ao Presidente da Xunta de Galicia por parte de En Marea será referida a esta precariedade” anunciou Luís Villares. “Queremos políticas activas que creen emprego de calidade. Que os mozos podan volver e non teñan que marchar, que as mulleres podan traballar en igualdade de condicións que os homes, e que maiores de 50 anos parados de longa duración teñan tamén unha saída” remarcou.

A moción que defendera En Marea será relativa ao ensino rural. “A lexislatura do rural anunciada por Feijóo está sendo a lexislatura do abandono do rural e estase a constatar no peche de centros de ensino, a redución da calidade do sistema de saúde, no transporte...” sinalou Villares. Ante esta actitude do Goberno galego, En Marea cumpre coa súa obriga como primeira forza da oposición e presentará no vindeiro pleno alternativas para a mellora da vida no rural, nesta ocasión centrada no ámbito educativo.

Por último, o grupo parlamentario alarmado polo acontecido este verán e o mal funcionamento xudicial e particularmente preocupante no xulgado de Violencia machista, En Marea formulará unha pregunta urxente ao Goberno para que explique cuestións como a falla de substitución no período vacacional neste xulgado, ou as incidencias e fallos detectados no sistema informático. “Estamos ante unha situación totalmente caótica a que hai que poñer fin por responsabilidade” defendeu o voceiro de En Marea.

O grupo de En Marea rexistrou así mesmo no Parlamento de Galicia unha petición de comparecencia da Secretaria Xeral de Igualdade, xunto co resto de partidos da oposición, para que dea conta do Protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero en Galicia.

Para o grupo parlamentario de En Marea as situacións acontecidas ao longo deste verán nos xulgados de Violencia de xénero é algo totalmente intolerable e dunha gravidade que obriga a que o Goberno galego compareza no Parlamento para explicar a situación.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará no vindeiro pleno que medidas vai tomar o Presidente da Xunta para garantir a devolución do Pazo de Meirás. Trala Xunta de portavoces, Pontón anunciou que que o BNG centrará a súas intervencións na vindeira sesión plenaria sobre: “A defensa dun novo modelo de financiamento para Galiza que remate co modelo centralista, a defensa de servizos públicos e de maneira especial da sanidade atacada por continuos recortes do Partido popular e ameazada pola nova lei de Saúde e reclamar do Parlamento galego e do presidente da Xunta que se sumen á proposta para devolver o Pazo de Meirás ao seu lexitimo propietario, o pobo galego”.

A nacionalista reiterou que é “unha anomalía democrática” que a familia Franco e a Fundación Franco sexan os titulares e responsables de xestionar o Pazo de Meirás. Para o BNG, dixo, o Pazo de Meirás é un símbolo de privilexios e extorsións de bens da familia Franco durante a ditadura. Ademais do posicionamento de Feijóo queremos que o Parlamento tamén se pronuncie e para iso o BNG debaterá unha iniciativa para impedir que o Pazo de Meirás acabe convertido nun “parque temático franquista” no que a Fundación Franco faga apoloxía do fascismo neste espazo e polo que pediremos a súa ilegalización a través do Parlamento galego.

Por outra parte, a portavoz do BNG explicou que ao longo destes anos a crise económica foi utilizada como escusa polo Partido popular para poñer en marcha un “proceso de privatización e recorte de dereitos” e ante esa axenda de demolición do PP sobre o ensino público e a sanidade, o BNG pedirá a “paralización do anteproxecto de reforma da lei de Saúde” que suprime catro áreas sanitarias e prioriza os recursos fronte ás necesidades dos usuarios e usuarias.

Cando toda a sanidade pública reponde con concentracións e mobilizacións, o Partido popular impide que o conselleiro Almuíña compareza no Parlamento galego. Dende o BNG lamentamos que o titular de sanidade non dea explicacións no vindeiro pleno sobre o anteproxecto de lei pero sobre todo para escoitar o que temos que trasladarlle o resto dos grupos da Cámara, apostilou.

Finalmente, Pontón tamén se referiu a proposta de lei que defenderá o BNG para a posta en marcha dun novo modelo de financiamento. Nesta liña apuntou que este será un dos debates de máis importancia para Galiza e lamentou, que unha vez máis, o Goberno galego permaneza “ausente” e impida que Galiza teña unha posición forte nun debate que vai a determinar os recursos para financiar a “nosa sanidade, a educación, a dependencia, a protección do medio ambiente e a creación de emprego”. Fronte a pasividade do Goberno, recalcou Pontón dende o BNG facemos unha “proposta ambiciosa”, que confía na nosa capacidade como país e acadar unha fiscalidade xusta e adaptada á realidade dos galegos e galegas.

O actual sistema de financiamento foi “un pésimo negocio para Galiza” e incide nunha insuficiencia financeira que non está relacionada cos impostos que pagamos porque recibimos 3.500 M€ menos e contar con este instrumento impulsaría un “novo modelo económico” para blindar os servizos públicos, apostar pola creación de calidade do emprego ou poñer en marcha un novo modelo de transporte, asegurou a nacionalista.
R.