Skip to main content

Unanimidad del Parlamento de Galicia para que la familia Franco devuelva al Concello de Santiago dos estatuas del taller del Mestre Mateo

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

Máis de cincuenta anos despois do “espolio de espolios” ao que someteu a familia do ditador Francisco Franco boa parte do patrimonio público, o Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade unha proposición de En Marea para que o Goberno da Xunta colabore na recuperación das estatuas do Mestre Mateo pasando das mans da familia Franco ao concello de Santiago.

Ademais, unha vez resolto o litixio interposto polo Concello de Santiago sobre a propiedade das estatuas de Abraham e Isaac, de ser o caso, tamén se insta á Xunta a colaborar con esta Administración local, na súa condición de lexítima propietaria, nas posibles tarefas de restauración e posta en valor destes bens.

Tamén se aprobou a proposta de inciar de xeito inmediato o procedemento para a declaración como bens de interese cultural (BIC) das devanditas esculturas. A encargada de defender a inciativa, a deputada Luca Chao, fixo un repaso polo saqueo do patrimonio, tanto público como privado, perpetrado durante anos baixo o paraugas do franquismo para uso e desfrute da familia do ditador. “Esa longa noite de pedra séguenos interpelando hoxe aquí, como representantes electos da cidadanía, para promover políticas da memoria que poñan luz sobre o noso pasado, políticas que acaden a tan necesaria memoria, xustiza e reparación”, expresou a parlamentaria.

Abraham e Isaac, dúas magníficas estatuas-columnas pétreas de finais do século XII e comezos do XIII que saíron do obradoiro do Mestre Mateo para formar parte do Pórtico da Gloria, acabaron engrosando o fraudulento patrimonio da familia Franco na Casa de Cornide (A Coruña). Luca Chao lembrou que “non hai un só documento que certifique esta suposta última propiedade” e que o último documento oficial remite á venda das estatuas por parte do conce de Ximonde ao concello de Santiago en 1948 por 60 mil pesetas.

“Dende En Marea pensamos que é hora de que o patrimonio de todas as galegas e galegos deixe de formar parte da colección privada dos herdeiros da ditadura”, sinalou Luca Chao. “É hora de que o roubado volva a ser patrimonio público, hora de reparar a honra e a dignidade das persoas que foron roubadas e forzadas a ceder diñeiro e propiedades baixo risco de represalias, hora, tamén, de que as esculturas do Pórtico da Gloria volvan a Compostela definitivamente, cidade da que nunca tiñan que ter saído”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

A deputada do Grupo Popular María Antón avogou porque a Xunta de Galicia colabore co Concello de Santiago, unha vez se resolva o litixio que ten interposto sobre a propiedade das estatuas de Abraham e Isaac na súa condición de lexítimo propietario, nas posibles tarefas de restauración e posta en valor destes bens.

María Antón subliñou que o PPdeG “non imos participar na carreira desatada por En Marea e o BNG para amosar quen é máis antifranquista, porque xa temos demostrado que os nosos principios e os nosos idearios nin coinciden nin aceptan actitudes e manifestacións franquistas como as realizadas pola Fundación Franco”.

“Por iso, ao Goberno galego do Partido Popular non lle tremeu a man cando tivo que iniciar expedientes á familia Franco con respecto ás visitas ao Pazo de Meirás, do mesmo xeito que apoiamos a iniciativa do BNG no Concello de Santiago, debatida en Pleno o pasado 21 de setembro, para a recuperación das figuras de Abraham e Isaac “, indicou.

A raíz deste acordo municipal, o Concello de Santiago vén de aprobar o pasado 27 de outubro a interposición dunha demanda contra Carmen Franco y Polo para recuperar estas dúas figuras escultóricas e que sexan expostas permanentemente no Museo da Catedral de Santiago.

“As accións xudiciais só lle corresponden ao Concello de Santiago, en tanto que dono das devanditas figuras, e nese proceso xudicial a Xunta non pode influír”, apuntou.

Así mesmo, María Antón afirmou que “o Concello de Santiago non se dirixiu á Xunta de Galicia para pedir a declaración das esculturas como BIC, tal e como se acordara no citado pleno do 21 de setembro”.

Porén, a Consellería de Cultura xa anunciou o pasado 28 de outubro que iniciará de oficio un expediente de incoación de Ben de Interese Cultural das pezas escultóricas coñecidas que se conservan da desaparecida fachada exterior do Pórtico da Gloria, unha declaración que non se fará como colección, senón que será de maneira individual.
R.