Skip to main content

A Deputación da Coruña solicita ao novo goberno do Estado o inicio do proceso xudicial para que o Pazo de Meirás pase a ser un ben público

"Neses documentos, xa en mans do goberno de Pedro Sánchez desde comezos do mes de xuño, explicítase o camiño para recuperar o Pazo sen indemnización ningunha á familia Franco, ao considerar nulo o acto de compra-venda ficticio que asinou o ditador despois de levar xa tempo usando o inmoble como vivenda oficial", explicou Goretti Sanmartín.

Considera tamén que é unha evidencia o alcance "político e simbólico" do Pazo de Meirás, utilizado como residencia de verán de Francisco Franco cando ditador e exemplo do modus operandi da ditadura, xa que foi conseguido coa extorsión por parte das forzas represivas do rexime con ameazas á veciñanza que tivo que achegar cartos e ceder terreos, como está demostrado.

"Que o Pazo de Meirás continúe na man da familia Franco significa que a transición non está rematada. Só cando ese ben volva a mans públicas poderemos comezar a falar de fin da ditadura, e por iso é tan importante a súa recuperación", apuntou a vicepresidenta da Deputación.

Goretti Sanmartín explícalle na carta ao ministro que os informes xa foran remitidos con anterioridade a Patrimonio Nacional e ao ministerio de Presidencia dirixido entón por Soraya Sáenz de Santamaria, de quen recibiran "unha resposta que mostraba a pasividade do goberno de Rajoy e a vontade de non mover nada do atado e ben atado que deixara Franco o seu patrimonio". A vicepresidenta da Deputación considera que "o cambio de goberno e de sensibilidade no ámbito da recuperación da memoria histórica fainos ter esperanza en que o goberno central mova ficha e se anime a coller o tema coa seriedade e a celeridade que merece", polo que solicita unha xuntanza para tratar polo miúdo os contidos dos informes e falar dos camiños a seguir a partir deste momento para recuperar o Pazo para o patrimonio público.

Goretti Sanmartín confía en que "non se estableza unha dupla velocidade para o Val dos Caídos e o Pazo de Meirás. Considera que "a recuperación do Pazo -que a familia puxo en venda á morte da filla do ditador- é unha cuestión de especial relevancia xa que este é o símbolo da ditadura, da súa prepotencia, do exercicio do poder tiránico e do roubo que se lle impuxo á tantas persoas".

A vicepresidenta achegou na misiva os dous informes, xurídico e histórico, e ofreceuse a explicar a dimensión da cuestión e apoiar un procedemento no que, segundo apuntou, "a posición do goberno central é fundamental para que o obxectivo chegue ao seu fin, é dicir, para seguir a liña aberta para recuperar o Pazo da maneira máis eficaz posible".

Próxima reunión da Xunta pro Devolución

Informou tamén de que o vindeiro día 11 ás 12.30 horas se reunirá de novo a Xunta pro Devolución do Pazo composta por representantes da Deputación, dos concellos que participaron no labor de recadación para que o Pazo pasase a ser domicilio de verán do Xefe de Estado na ditadura, as universidades, colectivos de recuperación da memoria e tamén da Real Academia Galega, de quen depende a casa de Emilia Pardo Bazán, anterior propietaria do inmoble.
R.