Skip to main content

A cobertura de internet ultrarrápida estará presente no 96% dos concellos galegos no 2020

Esta porcentaxe incrementarase coas novas convocatorias do Estado, a última foi publicada en abril por un importe de 18,5 millóns de euros, e prevese que se resolva este ano.

Oito anos mellorando a conectividade

A directora da Amtega, Mar Pereira, lembrou durante a súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento galego o esforzo da Administración autonómica nos últimos oito anos para mellorar o acceso a internet en Galicia. En 2010 a prioridade era que toda Galicia tivese acceso a internet. Naquel momento só un 71% dos galegos dispoñía de cobertura. Conscientes desta situación e da gran importancia que as redes móbiles teñen nunha comunidade tan dispersa como Galicia, púxose en marcha Plan de Banda Larga de Galicia cun investimento público-privado de 230 millóns de euros, 75 dos cales os achegou a Administración autonómica.

Un dos obxectivos dese plan foi dotar de cobertura de 3 G a máis de 11.000 núcleos, que xunto cos despregamentos de tecnoloxías ASDL e Wimax conseguiron que a día de hoxe máis do 98% da poboación teña acceso a internet básico.

A extensión de redes 3 G do Plan foi a medida que máis contribuíu a incrementar a cobertura en Galicia. Esta tecnoloxía ofrece unhas velocidades de acceso á rede desde polo menos 2 Mbps ata os 21 Mbps e proporciona cobertura de telefonía móbil.

Ademais, o Plan esixe aos operadores que recibiron subvencións públicas para despregar infraestruturas, a prestación deste servizo durante 10 anos, garantindo a súa continuidade alí onde a demanda sexa baixa, e co compromiso de evolucionar a tecnoloxía

Respecto da fibra, o Plan foi pioneiro en Europa en impulsar desde a Administración pública a extensión de redes NGA`s. Concretamente esta medida do Plan posibilitou o acceso a redes de máis de 100 Mbps a case 200 núcleos de máis de 500 habitantes, fóra de ámbito urbano.

Plan de Banda Larga 2020: un maior ancho de banda para todos

Esta última actuación contribuíu a que a día de hoxe o 63% dos galegos teña acceso a redes de 30 Mbps en diante a través de redes fixas. Agora o reto é incrementar esta porcentaxe, un obxectivo marcado por Europa.

Para conseguilo a Xunta puxo en marcha un novo Plan de Banda Larga horizonte 2020. As primeiras medidas do Plan dirixíronse a mellorar a conectividade no tecido empresarial coa extensión de fibra en polígonos e unha liña de axudas a empresas illadas. Este ano púxose en marcha outra medida para chegar a núcleos de poboación que xunto coas actuacións do Estado permitirán incrementar ata o 74% a porcentaxe de galegos con acceso a redes de máis de 30 Mbps. Unha porcentaxe que se incrementará con outras convocatorias estatais.

Outras medidas

Por outra banda, o Estado ten pendente aprobar unha Orde ministerial polo que vai establecer obrigacións complementarias de cobertura de 30 Mbps aos operadores beneficiarios do primeiro dividendo dixital (Banda 800 Mhz). Isto vai obrigar a que os 3 operadores de LTE-800 (4 G móbil) conxuntamente dean cobertura de 30 Mbps ao 85% dos habitantes residentes en núcleos de menos de 5.000 habitantes de Galicia, antes do 1 de xaneiro de 2020.

Desde Galicia instouse a través dunha PNL, asinada por unanimidade no Parlamento galego, a que obrigasen aos operadores beneficiarios do primeiro dividendo dixital (Banda 800 Mhz) a cubrir o 90% dos habitantes residentes en núcleos de menos de 5.000 habitantes de Galicia (non só a nivel Estatal) e finalmente o Estado na proposta de orde puxo a obrigación de cubrir o 85% nas CCAA.
R.