Skip to main content

A exposición 'En construción' subliña o encontro entre arte e arquitectura no CGAC

Na rolda de prensa de presentación tamén tomaron parte o director do CGAC, Santiago Olmo, e varios dos artistas que participan no proxecto expositivo.

A través de arredor de 40 obras, tres delas producidas no CGAC, a exposición, comisariada por Santiago Olmo, réndelle tamén homenaxe ao deseño arquitectónico do propio centro, obra de Álvaro Siza. Integradas na mostra aparecen varias obras pertencentes á colección, algunhas recentes, como as de Tamara Feijoo e Pablo Barreiro, adquiridas en 2018, e outras incorporacións máis antigas, como as de Rosendo Cid ou Lara Almarcegui.

En construción traza un percorrido a través da obra de artistas moi diferentes, con rexistros distintos, pero que nalgún momento da súa traxectoria traballaron a partir da idea da construción. A maioría das obras realizáronse entre os anos noventa do século pasado e a década de 2000, e enmárcanse na diversidade das prácticas dos campos expandidos, entre o construtivo e a reutilización de materiais de diferente natureza.

Os artistas e as súas pezas

O proxecto expositivo explora a idea de construción como conxunción de diversas metodoloxías de traballo, nas que se integran materiais diferentes para crear pezas entre a pintura e a escultura, obras de arte nas que reciclaxe, arquitectura e deseño se mesturan. Así, en obras coma as de María Luisa Fernández, obsérvase unha transformación do concepto de escultura, mentres que na de Jessica Stockholder hai un dominio da preocupación plástica e visual.

A instalación Brutalismo, do artista brasileiro Marlon de Azambuja, reflicte, a modo de maqueta, a estrutura das diversas construcións que compoñen a cidade. No contexto de maqueta como ferramenta, desenvólvese tamén a obra de Juan Gopar, e o ladrillo sérvelle a Héctor Zamora como un elemento estético e formal para deseñar as distintas pezas que compoñen a súa obra De/construción.

A peza de Fernanda Fragateiro remítenos tamén ao ladrillo, pero nunha visión máis sutil, cunha estética entre o minimalismo e o conceptual. Björn Dahlem, Thobias Rehberger e Pablo Barreiro establecen a través da súa obra un diálogo moi produtivo co deseño.

A obra Volkstuinen que van desaparecer, de Lara Almarcegui, mergúllanos na destrución duns pequenos hortos urbanos, os volkstuinen, moi habituais no norte de Europa. Hisae Ikenaga parte da deconstrución dun moble para dar forma á súa escultura A distancia nº 2, mentres Rosendo Cid lles dá unha segunda oportunidade a materiais de refugallo.

A pintura, co seu potencial para transformar espazos, cobra protagonismo nas obras de Tamara Feijoo e Kiko Pérez. As instalacións-accións, construídas con cartóns pintados de cores, destrúense ao atravesalas, para lles dar orixe ás súas series de cadros de cartón e o seu significativo título Construción.

Colección 25

Tamén se pode visitar no museo, ata o vindeiro 30 de setembro, a mostra Colección CGAC 25 que percorre o primeiro cuarto de século da súa historia a través dun total de 89 pezas escolmadas entre as 1.276 que conforman a colección. A exposición subliña a función transformadora do CGAC como institución cultural que integra a función de museo, a de centro de arte que innova con proxectos expositivos temporais e, finalmente, como arquitectura internacional e referente de modernidade, facéndolle así unha homenaxe ao edificio proxectado por Álvaro Siza.
r.