Skip to main content

Galicia logra situar o cambio demográfico no centro do debate sobre o futuro de Europa no Comité das Rexións

Desde 2016 e como parte da reflexión en curso, a asemblea da UE dos entes locais e rexionais puxo en marcha a iniciativa «Reflexionar sobre Europa», que inclúe diálogos con cidadáns e a participación de membros do CDR en comunidades locais, centros de ensino ou parlamentos rexionais. O obxectivo é brindar aos cidadáns un espazo onde poidan expresar as súas preocupacións e expectativas sobre Europa. Deste xeito, e a través deste ditame, o Comité responderá á petición do presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, de remitir as recomendacións sobre a maneira de restablecer a confianza dos cidadáns na Unión Europea a través das autoridades locais e rexionais que, ademais, se utilizarán para alimentar o debate de cara ás eleccións ao Parlamento Europeo do próximo mes de maio.

Así, entre marzo de 2016 e xuño de 2018, o CdR organizou 164 eventos locais en 27 países europeos - dous deles en Galicia - coa participación de máis de 150 membros do Comité e 15.000 participantes en asociación cos seus membros rexionais e locais. Tras este exercicio, o ditame destaca o desexo da cidadanía dun proxecto de UE baseado na solidariedade, a cohesión e a proximidade.

Por outra banda, recolle tamén as principais preocupacións expresadas nos diálogos cos cidadáns como son a lenta aplicación de solucións, especialmente no ámbito do desemprego, a migración e a situación económica en xeral. O ditame destaca tamén o sentimento xeneralizado dunha UE que non está preto, polo que se reitera a necesidade de ancorar as políticas europeas localmente para lograr unha diferenza na vida das persoas así como a necesidade de achegarse aos mozos.

Ampliación e orzamento

Os membros da comisión CIVEX tamén intercambiaron puntos de vista sobre o paquete de ampliación da UE e sobre o paquete do Marco Financeiro Plurianual para 2021-2027, centrándose nas propostas lexislativas presentadas recentemente pola Comisión Europea e contando o debate coa participación de representantes da Comisión Europea.

Competencias da comisión CIVEX

A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité Europeo das Rexións.

A comisión ten competencia en múltiples ámbitos: espazo de liberdade, seguridade e xustiza, política de inmigración, asilo e visados, Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, cidadanía activa, descentralización, gobernanza, mellora e eficiencia lexislativa, aplicación do Tratado da UE, política de veciñanza, Asociación Oriental e política mediterránea da UE, cooperación descentralizada para o desenvolvemento e ampliación.
R.