Skip to main content

Remata a primeira fase das reunións dos grupos de traballo para a elaboración da Estratexia da cultura galega 2021

Definición de liñas de actuación e obxectivos

Os grupos de traballo da ECG21 organízanse arredor do libro, do audiovisual, das artes escénicas, da música (nas vertentes de difusión da cultura e da industria musical), das artes plásticas e visuais, do patrimonio cultural, das institucións da memoria e da Cidade da Cultura de Galicia. Desde o pasado día 4 de xullo, profesionais dos diferentes sectores participaron nas reunións de traballo para propoñer as principais liñas de actuación e obxectivos de cada un dos ámbitos nos que se artella a ECG21.

Logo destas primeiras xuntanzas, ademais de recoller as observacións formuladas, abriuse un prazo para a remisión de propostas por correo electrónico. A continuación, na seguinte fase, que terá lugar despois do mes de agosto, os membros dos diferentes grupos de traballo volveranse reunir para propoñer as medidas concretas coas que avanzar na consecución dos obxectivos establecidos.

Plataforma en liña para a participación cidadá

Canda as achegas dos grupos de traballo, a Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha unha canle en liña para favorecer a participación cidadá no proceso de elaboración da ECG 2021, accesible aquí. Con este fin, as persoas interesadas poden enviar as súas achegas a través dun formulario electrónico.

Fase de exposición pública

Unha vez redactado o documento de traballo da ECG21, levarase a cabo a exposición pública da proposta a través das canles en liña da Xunta de Galicia, fase na que se poderán presentar comentarios, suxestións e alegacións co fin de contribuír a mellorar o documento. Posteriormente, elaborarase o texto final, que se presentará no Consello da Xunta de Galicia. Por último, a ECG21 seralle remitida ao Parlamento de Galicia.
R.