Skip to main content

A Fundación Barrié e a Xunta de Galicia seleccionarán 25 propostas de investigadores galegos a través do programa Ignicia

A actuación favoreceu, ademais, a creación ou mantemento de 61 postos profesionais de alta cualificación e a posta en marcha de empresas de base tecnolóxica.

Para a segunda edición do Ignicia, unha actuación pioneira na Administración autonómica, o Goberno galego investirá tres millóns de euros ata 2020. A través do acordo asinado coa Fundación Barrié por valor de máis de 430.000 euros -a Xunta financia 400.673 euros- levaranse a cabo accións formativas e a realización conxunta de actividades propias da xestión dun fondo de proba de concepto coa finalidade de levar ao mercado os resultados científico-tecnolóxicos xerados nos centros de coñecemento galegos con potencial para a súa comercialización, ben sexa a través de licenzas ou a través da creación de spin-offs. Na primeira edición, dos 9 proxectos que se apoiaron, un total de cinco foron spin-off e os catro restantes foron mediante acordos con licenza.

O acordo asinado inclúe, polo tanto, a organización de actividades de formación no eido da transferencia de resultados, a colaboración na promoción, divulgación e dinamización do programa Ignicia e a cooperación na análise e validación científico-tecnolóxica e comercial dos proxectos e seguimento dos mesmos mediante a asignación dun equipo de expertos.

En palabras de Conde, os obxectivos de Ignicia, cuxos proxectos deben ser promovidos por un organismo público ou privado de investigación con sede en Galicia, son, ademais de facilitar a transferencia de resultados de investigación ao mercado, acelerar e aumentar os éxitos neste proceso. Así mesmo, o titular de Economía explicou que o que se busca é realizar unha detección temperá dos proxectos con potencial, apoiar o cambio cultural no eido científico e contribuír á rendabilidade económica e social do investimento público en investigación. En resumen, tal e como afirmou Conde, o que se pretende é que os proxectos científico-tecnolóxicos galegos teñan opcións reais de ser implementados a nivel industrial.

Na actualidade vense de pechar o prazo de presentación de solicitudes da segunda edición. Recibíronse 48 propostas que tras unha primeira avaliación seleccionaranse ás 25 mellores, que volverán a avaliarse de xeito máis exhaustivo antes de elixir os proxectos definitivos que pasarán á fase de maduración.

Avaliación previa
Nesta convocatoria, como novidade, colaborarase nunha actividade que consiste na implantación dunha metodoloxía de avaliación previa de proxectos e tecnoloxías transferibles ao mercado nos centros de coñecemento, que se desenvolve coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A finalidade desta nova actuación é dotar aos axentes de transferencia de coñecemento e tecnoloxía do sistema galego de I+D+i dunha metodoloxía homoxénea para a realización de avaliacións áxiles e efectivas das súas carteiras tecnolóxicas.

Nesta segunda edición, ademais, a vía de acceso ao mercado será a través das fases de maduración e investimento, é dicir, que se definirá a ruta cara ao mercado máis axeitada mediante o consenso entre os promotores dos proxectos e o equipo técnico do programa.

Conde, ao respecto, salientou a importancia da colaboración público-privada e a coordinación entre diferentes administracións como clave para impulsar a I+D+i galega. Segundo subliñou, este acordo ratifica a aposta do Goberno galego por reforzar a transferencia de coñecemento, un reto que se inclúe na Estratexia RIS3 e que tamén perseguen outros programas postos en marcha pola Administración autonómica como as Unidades Mixtas de Investigación, o Principia, a Rede Galega de Aceleradoras ou o polo tecnolóxico e industrial de Rozas.

Nesta mesma liña tamén se expresou o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera: “Con esta colaboración cumprimos co compromiso de apoiar a ciencia de calidade en Galicia e a súa transferencia ao mercado. Ademais, é un orgullo seguir acompañando un programa como Ignicia que ten como obxectivo fundamental apoiar os proxectos de futuro da investigación en Galicia, utilizando a metodoloxía do Fondo de Ciencia da Fundación Barrié no que se basea”.
R.