Skip to main content

Galicia recibirá 8 millóns de euros para desenvolver o pacto estatal contra a violencia de xénero


A Xunta amosou a súa satisfacción coa partida de 8 millóns de euros, destinadas a financiar o acordo que xa se asinara durante o Goberno anterior. Valorouse tamén que se tiveran en conta os criterios do envellecemento -moitas mulleres de avanzada idade sofren violencia de xénero- e da dispersión poboacional á hora de acometer o reparto, tal e como tiña demandado Galicia.

Ademais, durante o encontro, o Goberno galego solicitou ao Estado que concretara os proxectos que se poderán financiar con cargo a esta partida e pediu tamén que se concedese unha prórroga para a súa execución, en tanto sería moi complexo executar todo o orzamento só na segunda metade do ano.

A Xunta aposta tamén por afondar na colaboración entre administracións, especialmente agora que os concellos recibirán unha parte importante dos fondos deste Pacto de Estado, co fin de evitar duplicidades e prestar a mellor atención posible ás vítimas.

Cómpre destacar a importancia de que na reunión de hoxe estiveran tanto os representantes do Goberno central como das comunidades autónomas, abordando a cuestión da violencia de xénero xa que como asunto de Estado afecta á cidadanía na súa totalidade. Poñer fin á violencia exercida, tanto contra mulleres como contra homes, debe ser un obxectivo prioritario para todas as Administracións que conforman a nosa sociedade.
R.