Skip to main content

O programa Principia promove a captación de talento coa incorporación de 110 profesionais menores de 35 anos en 59 entidades galegas

O programa está focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.

Nesta terceira convocatoria -que conta cun investimento público de 1,1M€ que mobilizará 3,4- o 93% das entidades beneficiarias son empresas e o 90% dos contratos concedidos son indefinidos. Ademais, nove de cada dez dos traballadores recibirán máis de 60 horas de formación a cargo da empresa e o 36% dos técnicos seleccionados carece de experiencia laboral, o que confirma que este programa é unha boa ferramenta para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas titulados. A Coruña é a provincia onde se realizarán mais contratos, cun total de 50, seguida de Pontevedra, con 40, e Lugo e Ourense con 10 cada unha.

Búscase que lles sirva como anclaxe ao mercado laboral, de forma que sexan contratados polas empresas despois da finalización do programa, reforzando así a competitividade en materia de investigación do tecido empresarial galego. De feito, o 64% dos contratados nas dúas primeiras convocatorias non tiña experiencia laboral e a media de idade non chega aos 28 anos.

Consolídase así este programa pioneiro en Galicia que, desde a súa posta en marcha en 2016, e contando esta nova edición, concedeu axudas para a contratación de máis de 372 profesionais que se traduce nunha mobilización de 11,7 millóns de euros en 158 entidades. Unha iniciativa que trata, ademais, de incentivar a contratación feminina e fomentar as vocacións STEM entre as mulleres e que conseguiu que o 42% dos contratos foran femininos nas dúas primeiras edicións, alcanzando nesta última a práctica paridade laboral.

No marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e con ela a competitividade da Comunidade, obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Así, destacan iniciativas como os contratos-programa -que apoian aos centros tecnolóxicos e ás fundacións sanitarias-, as Unidades Mixtas de Investigación, ou o programa Oportunius, reforzando así a capacidade de innovación de Galicia e tendendo pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial. Proximamente sumarase, tamén, o novo programa Talento Senior.
R.