Skip to main content

A Xunta de Galicia completará na nómina de setembro a suba salarial do 1,75% a todos os empregados públicos

Esta última porcentaxe estaba condicionada ao cumprimento por parte do Reino de España do obxectivo de evolución do PIB correspondente ao exercicio anterior.

A Xunta está a aplicar desde o mes de xullo un incremento salarial do 1,5% nas nóminas dos seus empregados públicos, unha vez que os Orzamentos Xerais do Estado para 2018 entraron en vigor e permitiron ás administracións públicas aplicar este incremento. Este incremento salarial tivo efectos desde o 1 de xaneiro de 2018 e, por iso, a Xunta tamén incluíu na nómina de xullo un pago adicional duns 250 euros de media correspondente á aplicación desta suba salarial entre os meses de xaneiro e xullo.

En canto ao 0,25% variable, esta porcentaxe estaba condicionada ao cumprimento por parte do Reino de España do obxectivo de evolución do PIB correspondente ao exercicio anterior, e polo tanto non se podía aplicar ata que o Goberno do Estado acordase e dese traslado ás Comunidades Autónomas dun acordo no que se determine o cumprimento do obxectivo antes mencionado, segundo establece o acordo sindical antes mencionado.

Unha vez que o Consello de Ministros aprobou a aplicación deste incremento adicional do 0,25%, a Consellería de Facenda procede a publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2018, coa que se actualizan con efectos do 1 de xullo as contías das retribucións, que experimentan un incremento do 0,25%.

A mellora retributiva quedará consolidada nos salarios dos traballadores. En todo caso, o Goberno galego non tivo nin terá que impulsar ningún cambio lexislativo para aplicar esta suba salarial, dado que xa previu este incremento no momento da elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o actual exercicio 2018.

Suba salarial para 100.000 traballadores

A Xunta prevé que uns 100.000 traballadores galegos van percibir este mes a mellora nas súas retribucións. Nesta cifra están incluídos os máis de 87.000 empregados que traballan nos servizos públicos autonómicos: consellerías, hospitais, centros de saúde, centros de ensino ou centros de servizos sociais, entre outros. Tamén alcanzará ao persoal que traballan nas tres universidades públicas e nos centros de ensino concertado.

Incremento salarial do 8,8% ata 2020

Os incrementos salariais aos empregados públicos da Administración galega supoñerán unha media duns 2.800 euros máis por cada traballador ata o ano 2020, que se unen aos 660 euros de media de incrementos xa aplicados nas nóminas dos anos 2016 e 2017. En consecuencia, a suba acumulada ascenderá a unha media duns 3.500 euros por empregado público ao final do ano 2020.

A Xunta de Galicia xa aplicou un incremento salarial do 1% nas nóminas de todos os seus empregados públicos nos anos 2016 e 2017. E neste 2018 aplica con efectos 1 de xaneiro unha suba salarial do 1,5%, un incremento que desde este mes de setembro aumentará ao 1,75% con efectos de 1 de xullo. A suba salarial deste ano forma parte do acordo asinado en marzo entre o anterior Goberno central e as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF, que prevé un incremento salarial de ata o 8,8% no período 2018-2020 suxeito ao cumprimento dos distintos obxectivos de estabilidade orzamentaria e evolución económica.
R.