Skip to main content

A Cidade da Cultura acolleu a maior romaría de corais de Galicia con 800 voces cantando xuntas pezas clásicas e populares

A este encontro coral asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, quen puxo en valor a “gran tradición” deste certame, que chega xa a súa XV edición, e a importancia do mesmo para “darlle visibilidade a estas agrupacións senlleiras da historia da música e o canto en Galicia”. Do mesmo xeito, salientou que coa co-organización deste encontro, a Xunta de Galicia demostra o seu “compromiso” coas entidades e colectivos que “levan anos traballando na promoción e consolidación do patrimonio musical galego”.

Ao respecto, lembrou a relevancia que estas agrupacións teñen en Galicia para a conservación e transmisión do patrimonio musical galego de xeración a xeración. “Algunhas das agrupacións que van participar nesta romaría contan cunha historia de máis de 50 anos e nelas moitas veces comparten o escenario familias enteiras, desde as netas e os netos ata os avós”, remarcou.

A XV Romaría Coral Galega comezou ao mediodía de hoxe coa asistencia de todos os participantes á misa cantada na igrexa de San Francisco, en Santiago de Compostela, interpretada pola Coral Cantorum Compostellana coa colaboración do organista da Catedral de Santiago e de tres membros da agrupación Cantigas e Agarimos.

800 voces interpretando o Himno galego

A actuación na Cidade da Cultura de Galicia comezou ás 18.30 horas coa interpretación de varias cancións populares galegas, como o Velaí vai ou Eu caseime por un ano, así como habaneras, coros de zarzuela, temas do folclore tradicional africano e obras de coñecidos compositores de música clásica, como o coro Va pensiero da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi.

O broche de ouro chegou uns 60 minutos máis tarde, cando estas 800 voces interpretaron ao unísono, e coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Himno Galego.

O compromiso do Gaiás coa música de raíz

A XV Romaría Coral Galega rematou coa entrega de diplomas a todos os e as participantes por parte do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; de membros da directiva da Federación Coral Galega, dirixida por Antonio Rey Cornido; e da concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra.

A XV Romaría Coral Galega súmase a outras actividades incluídas na programación do Gaiás deste ano 2018 desde as que se reivindica a riqueza etnográfica e musical de Galicia como Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular, que o pasado mes de xuño reuniu a todo o sector do folclore galego vencellado ao canto, a música e o baile tradicionais, e tamén ao III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, no que se deron cita medio milleiro de músicos novos das catro provincias galegas.
R.