Skip to main content

O Plan galego de atención ao ictus posibilita que se beneficien da súa implantación máis de 5.000 pacientes

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Jorge Aboal Viñas, falou hoxe do Plan de Atención ao Ictus de Galicia, nunha xornada que ten lugar en Madrid baixo o título: “Situación actual da atención ao ictus en España: da Estratexia Nacional aos Plans Rexionais”, con motivo da conmemoración do día mundial desta patoloxía, e na que participan representantes da Sociedade Española de Neuroloxía, das Comunidades Autónomas así como asociacións de pacientes.

O Plan galego, posto en marcha hai dous anos, posibilitou que se beneficiaran da súa implantación máis de 5.000 pacientes. O número de interconsultas realizadas polos médicos responsables dos pacientes á Central de Atención ao Ictus foi de 1.426, o que supón unha media de 59 interconsultas por mes. Os hospitais que máis recorren á central son os comarcais, o que é unha mostra da eficacia desta central, xa que as persoas que máis se benefician son os pacientes que viven nás áreas máis afastadas, garantindo o acceso desta poboación ao mellor recurso asistencial posible (neurólogo experto en ictus).

En relación aos traslados dende os centros hospitalarios ás unidades de ictus, realizáronse un total de 178. Respecto do número total de código ictus activado nestes dous anos foi de 5.235, sendo as fibrinolise intravenosas realizadas un total de 735 e 260 trombectomías mecánicas.

Atención sanitaria de calidade

Na súa intervención, Jorge Aboal dixo que é un obxectivo fundamental do Sergas a implementación dunha atención sanitaria de calidade e con criterios de equidade para toda a cidadanía de Galicia. En función destas premisas definiuse o Plan de Atención ao Ictus de Galicia, que permite a rápida identificación, notificación e traslado do paciente, e realización dun TAC craneal, en caso dun ictus agudo ao hospital máis próximo.

Dito hospital estará preparado para realizar, se fose o caso, a fibrinolise (desobstrucción vascular) en calquera dos centros hospitalarios do Sergas. O obxectivo é a redución do tempo de atención e asistencia entre o inicio do ictus, a confirmación diagnóstica e o inicio dun tratamento especializado.
R.