Skip to main content

O Colexio de Psicoloxía promove un servizo pioneiro de quenda de garda psicolóxica para vítimas de violencia de xénero

Esta mañá, a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía, Mª Rosa Álvarez Prada, e a secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha dun servizo pioneiro no Estado de garda psicolóxica especializada e permanente para as mulleres que sofren violencia de xénero e os seus fillos e fillas menores de idade.

Trátase dun servizo de atención psicolóxica especializada que terá carácter inmediato e que se prestará a requirimento das forzas e corpos de seguridade en todos os partidos xudiciais galegos nos momentos posteriores a unha agresión ou situación violenta. Activarase a través dunha chamada ao Teléfono de Información ás Mulleres que contactará co psicólogo ou psicóloga correspondente para que acuda ao lugar demandado, o que facilitará prestar atención psicolóxica nun dos momentos máis determinantes para as vítimas de violencia de xénero.

Este servizo vaise desenvolver ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co fin de cubrir a necesidade de establecer un sistema de acompañamento e de axuda na toma de decisións ás mulleres vítimas de violencia de xénero, co fin de evitar a súa desprotección e garantir o dereito á asistencia integral. Deste modo, búscase detectar as súas necesidades psicolóxicas e facilitar a súa cobertura, evitar a vitimización secundaria, mellorar a coordinación co resto de operadores que estea a intervir na súa situación concreta e, así mesmo, ofrecer información sobre os recursos e itinerarios dispoñibles para as vítimas de violencia de xénero en Galicia.
R.