Skip to main content

A educación musical centra a 'XI Xornada de recursos educativos en galego'

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde na inauguración da XI Xornada de recursos educativos en galego: A educación musical, que se está desenvolvendo ao longo do día de hoxe na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Trátase dunha das actividades que a universidade compostelá organiza ao abeiro do convenio de colaboración para a normalización lingüística que ten asinado coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Valentín García fixo fincapé na importancia que ten contarmos con recursos educativos variados e de calidade para todo tipo de materias “para que carecer deles non sexa un obstáculo para o uso da lingua galega nas aulas”. O secretario xeral considerou que é importante que se desenvolva en galego a formación musical dos rapaces e rapazas, dado que esta “sobarda os límites do horario escolar e chega aos nosos mozos e mozas a través, non só dos colexios e institutos, senón tamén dos conservatorios, das escolas de música, das bandas, das asociacións culturais... Así que os rapaces dedícanlle moito tempo e para moitos deles é unha auténtica diversión e mesmo unha vocación que é desexable que asocien á lingua propia de Galicia”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística interviñeron na inauguración do curso Gumersindo Feijó Costa, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, e Martín Leránoz Iglesias, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación.

Educación musical en galego

A XI Xornada de recursos educativos en galego -organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC ao abeiro do convenio de colaboración entre a universidade compostelá e a Consellería de Cultura e Turismo- está fundamentalmente dirixida a alumnado, persoal investigador e de administración e servizos das tres universidades galegas e profesionais da docencia musical interesados. Este 2018 céntrase na educación musical e presenta os obxectivos de dar a coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega para abordala, definir estratexias e criterios para buscalos e escolmalos, promover a creación de recursos educativos e de materiais didácticos propios adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia e impulsar a difusión de experiencias educativas centradas na utilización e elaboración de recursos didácticos en lingua galega.

Para lograr estas metas, programáronse catro relatorios e unha mesa de experiencias seguida dun coloquio. Os relatorios corren a cargo de Antía Cores Torres (USC), encargada de falar da Avaliación de materiais musicais en lingua galega dende a perspectiva lingüística e cultural; Luis Costa Vázquez (Conservatorio de Vigo, Universidade de Vigo e Consello da Cultura Galega), que debe mostrar As edicións musicais do Consello da Cultura Galega como material didáctico, e de Marta Souto (Concello de Vigo), Manolo Maseda (IES Maximino Romero de Lema) e Sechu Sende (IES Marco do Camballón), que teñen a misión de analizar o papel da regueifa como recurso educativo.

A mesa de experiencias Materiais TIC na educación musical contará coa participación dos docentes Marta Barreiro Iglesias (IES Castro Alobre), Jorge J. Suárez Navia (IES Faro das Lúas e CAFI) e Xiao Somoza (CPI de Dodro) e da investigadora Antía Cores Torres (USC).

Colaboración para a normalización lingüística

A Consellería de Cultura e Turismo ten asinados convenios de colaboración coas tres universidades galegas orientados a desenvolver, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, medidas que redunden na promoción da lingua galega no ámbito da educación superior: a xornada de hoxe e outras accións formativas, como cursos de habilidades comunicativas ou cursos de lingua para non galegofalantes, campañas para a redacción e defensa de teses ou traballos de fin de mestrado en galego ou premios á calidade lingüística de traballos académicos, entre outras iniciativas.
R.