Skip to main content

O programa Galicia Emprende apoia 33 iniciativas empresariais que mobilizan 4 millóns de euros



A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu axudas por un importe de 1,2 millóns de euros para apoiar 33 iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos ao abeiro do Programa Galicia Emprende 2018, segundo vén de publicar o DOG. Os proxectos aprobados prevén a mobilización de máis de 4 millóns de euros en investimentos e levan asociado a creación e mantemento de 110 empregos.

As iniciativas apoiadas abranguen actividades do sector industrial como a impresión de artes gráficas; do agroalimentario, como a fabricación de pan e pizzas e unha adega; e dos servizos, como un centro de día, unha axencia de seguros e unha escola hípica.

A falta da resolución da segunda convocatoria do programa, que se publicará o próximo mes de xaneiro, o investimento medio por proxecto apoiado na que se vén de aprobar é de máis de 115.000 euros. Case un 40% das iniciativas corresponden a autónomos, sendo o resto impulsadas por sociedades mercantís.

Esta liña de axudas está deseñada para impulsar a posta en marcha de proxectos de nova creación e para a consolidación, durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento, de iniciativas empresariais de emprendedores ou autónomos. Poden solicitar o apoio do Galicia Emprende iniciativas con investimentos comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros.

Entre as iniciativas de maior dimensión aprobadas nesta convocatoria figura a construción dunha nave industrial para taller mecánico situado no polígono Industrial das Gándaras (Lugo) e a correspondente dotación de mobiliario e maquinaria. A empresa investirá 500.000 euros cos que prevé manter 6 postos de traballo e crear un novo.

Outros dos proxectos apostan pola creación en Gondomar (Pontevedra) dunha escola hípica de equinoterapia; a posta en marcha dunha adega, na que se elaborará, procesará e comercializará viños da D.O. Rías Baixas, en Ribadumia (Pontevedra); a remodelación dun local hostaleiro que creará 6 novos empregos en Vigo (Pontevedra); ou a apertura dun centro de día con 40 prazas para persoas con Alzheimer ou outras demencias neurodexenerativas en Oleiros (A Coruña).

O programa Galicia Emprende compleméntase co Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. O orzamento destinado pola Xunta ao emprendemento en 2018 ao abeiro de ambas iniciativas suma, como no ano anterior, 7,5 millóns de euros.

Con estes dous programas, en 2017 o Goberno galego apoiou 162 proxectos empresariais de emprendedores que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociada a creación e o mantemento de 385 postos de traballo. Os apoios ao emprendemento refórzanse coa activación dos instrumentos financeiros emprendedores (IFIs), que se sumaron aos préstamos participativos ou o capital risco que ven ofrecendo XesGalicia a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras.
R.