Skip to main content

O Goberno galego incrementa as contías da Risga e establece a posibilidade de compaxinala cos ingresos laborais

Non en van, estar en situación de desemprego era condición sine qua non para acceder á Risga.

Como segunda gran novidade que introduce este texto, Feijóo destacou a creación de dous novos tramos. Así, se na actualidade esta prestación se compoñía do tramo persoal e familiar, que se determina en función das circunstancias da persoa perceptora e se marca atendendo ás persoas que conviven nese fogar; a partir de agora, inclúense dous máis: o tramo de inserción, cun complemento do 35% do Iprem (188 euros) durante un máximo de doce meses e prorrogable por outros seis. Ao que poderán acceder as persoas que superen un diagnóstico de empregabilidade, que deberán subscribir un convenio de inclusión sociolaboral no que se comprometan a mellorar a súa formación ou facer prácticas laborais non remuneradas, por exemplo.

E o tramo de transición ao emprego, un incentivo que se concederá ás persoas perceptoras que atopen un traballo. Así, durante o primeiro mes poderán cobrar ata un 35% máis ca o salario mínimo interprofesional e esta contía irá descendendo progresivamente, ata deixar de percibir a Risga ao finalizar o semestre.

O presidente da Xunta aseverou que coa eliminación do requisito de desemprego e a introdución destes dous novos tramos, a Risga converterase nunha auténtica ponte cara á vida laboral, na liña das recomendacións que fai a Comisión Europea.


Así mesmo, outra das novidades do texto será que, á hora de calcular se unha persoa ten dereito á Risga, computaranse unicamente os ingresos que efectivamente se cobren, non aqueles aos que se ten dereito pero que non se están a facer efectivos.

Ademais, este decreto tamén permitirá compatibilizar a Risga con outras axudas de inclusión extraordinarias, para a compra de alimentación, vestido e enxoval doméstico; sempre que se acredite a necesidade destes produtos porque a persoa teña unha intolerancia alimentaria, discapacidade ou unha patoloxía crónica ou minoritaria.

En definitiva, un Decreto que suporá un importante incremento das prestacións que perciben as familias que máis o necesitan, concluíu, recordando que o novo documento recolle as achegas das entidades sociais que traballan no eido da inclusión. De feito, ademais dos prazos de consulta previa e de información pública obrigados, concedeuse un prazo adicional de 15 días na fase intermedia da tramitación e se notificou individualmente ás entidades máis representativas deste ámbito
R.