Skip to main content

Galicia defende en Bruxelas os intereses da frota galega ante a obriga europea de desembarque de capturas

Nesta liña, a conselleira valorou que o comisario europeo de Pesca, Karmenu Vella, insistise neste compromiso, tanto no Consello de Ministros de Pesca da UE do mes de novembro como no que se está a celebrar, e subliñou a importancia de “conseguir que ningunha especie funcione como especie de estrangulamento e que a obriga de desembarque de capturas non imposibilitase o desenvolvemento da actividade pesqueira”. En relación a esta obriga, a conselleira lembrou que Galicia vén insistindo en que choca frontalmente co principio de estabilidade relativa a través do que se establecen os TAC e cotas de pesca, xa que é un principio, explicou, que se estableceu hai máis de trinta anos, cando non existía a obriga de desembarque de capturas.
-
Por iso Galicia defende unha maior flexibilidade entre especies e zonas ante a obriga de descartes cero e a creación dunha bolsa que poidan utilizar todos os Estados membros para evitar que as especies accesorias, é dicir, aquelas de escasa relevancia de captura, funcionen como especies de estrangulamento impedindo a actividade da frota. En canto a estas propostas e as que se están a facer no marco dos grupos de traballo do Consello de Ministros de Pesca da UE, Rosa Quintana, puxo de relevo o seu valor para “axudar entre todos a mellorar a xestión dos recursos, a respectar a obriga de descartes cero e a acadar no 2020 o Rendemento Máximo Sustentable para todas as especies”.

Pescada sur e cigala

Outro dos temas aos que se enfrontan nas negociacións España e Galicia, como representante das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira, é o da pescada sur, capturada no Cantábrico. En relación a esta especie, para a que a Comisión Europea propón unha redución do 14%, Galicia propón que se poida aplicar xa o Plan plurianual de augas do Atlántico no que se establece a xestión da pesqueira en rangos, posto que xa hai un acordo político.

Deste xeito, explicou a titular de Mar, podería darse pé a un incremento do 3% das posibilidades de pesca desta especie en relación ao ano pasado, o que permitiría incrementar a biomasa do stock nun 41% e cumprir co compromiso de acadar o RMS para a pescada sur no ano 2019.

En relación á cigala, a titular de Mar explicou que Galicia defende que se revise a súa situación no Cantábrico, xa que o que se está comprobando co plan experimental desta especie para mellorar a aportación de datos é que “a súa situación é mellor que a que reflectían os datos que levaron ao peche desta pesqueira”.
R.