Skip to main content

R e as universidades da Coruña e Vigo crean a Cátedra R en Ciberseguridade

Os reitores das universidades da Coruña e de Vigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, respectivamente, e máis Alfredo Ramos, director xeral de R, asinaron esta mañá na sede do operador galego o convenio para a creación da Cátedra R en Ciberseguridade, a primeira interuniversitaria existente en Galicia. Con esta nova Cátedra quérese promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais.

A meta última é adaptar ese coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da Ciberseguridade. Trátase da primeira cátedra na que colaboran á vez dúas universidades galegas, dispostas desta volta a traballar man a man co operador galego R neste eido.

O reitor da Universidade da Coruña resaltou a importancia da Ciberseguridade na sociedade actual e futura. “A conectividade a través de Internet e a utilización das redes sociais fai que sexa máis necesario que nunca dispoñer de coñecemento e recursos humanos que permitan facer fronte aos problemas que a nova situación provoca”. Disto trata esta Cátedra R en Ciberseguridade, da que Abalde remarcou, ademais, que “é a primeira cátedra institucional interuniversitaria, exemplo de colaboración e cooperación no Sistema Universitario de Galicia”.

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo salientou que “para a nosa institución, que leva anos traballando no ámbito da Ciberseguridade, é moi importante participar nesta Cátedra, que ademais reforza a nosa colaboración coa Universidade da Coruña, coa que compartimos docencia e investigación neste Máster”. Reigosa, que agradeceu a iniciativa de R, destacou que “o aumento de ciberataques precisa da incorporación de profesionais expertos en Ciberseguridade, un campo de coñecemento en construción, no que existen moitas posibilidades de desenvolver proxectos e retos profesionais”.

Alfredo Ramos, director xeral de R, subliñou a importancia deste acordo que “marca un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas, e abre un vieiro que propiciará a aplicación práctica na sociedade de todo o coñecemento sobre seguridade informática”.

Campo de traballo en alza

A chamada Ciberseguridade ou seguridade informática é un terreo de estudo a día de hoxe imprescindible tanto a nivel particular coma empresarial ou institucional, pois compromete cuestións tan sensibles coma poden ser a privacidade, a protección dos datos de corporacións de todo tipo e mesmo segredos de Estado, por citar tan só algúns exemplos da amplitude de implicacións que o termo conleva.

A Ciberseguridade aféctalle ao software (bases de datos, metadatos, arquivos…), ao hardware (equipamentos) e a todo o que, relacionado coa información contida nos sistemas dunha organización supoña para ela un risco no caso de chegar a mans de terceiros, converténdose, desta maneira, en información privilexiada.

Liñas de actuación da Cátedra

Conscientes de todo isto, as devanditas universidades galegas e máis R veñen de deseñar esta Cátedra, que vai ter numerosas e non limitadas liñas de actuación, entre as que destacan as seguintes:
- colaboración na docencia+investigación (Mestrado Interunivesitario en Ciberseguridade)
- creación de programa de captación de talento (alumnado ambas as dúas Universidades)
- creación de espazos para a difusión e o debate sobre Ciberseguridade
- capacitación en competencias relacionadas coa Ciberseguridade tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en conta as necesidades competitivas das empresas.

No eido da formación e da divulgación está previsto colaborar en mestrados e outros estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, premios a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de ideas, conferencias, seminarios, obradoiros, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, visitas a empresas, plans de formación de empresas e institucións, formación para a creación de empresas de base tecnolóxica…etc.

E no terreo da investigación potenciaranse liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos a nivel galego, español e europeo, apoiaranse teses de doutoramento e outras de fin de grao, promoveranse encontros nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da Ciberseguridade, ademais de empurrar a contratación de grupos das universidades da Coruña e de Vigo para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa.

Enxeñaría, informática e comisión de seguimento

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña poñerán a disposición da Cátedra R as súas instalacións para desenvolver todas estas actividades. Unha comisión de seguimento encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio asinado polas universidades e máis R para aprobar as accións que se vaian desenvolver, aprobar os orzamentos anuais en virtude da achega económica anual de R e elaborar unha “Memoria anual da Cátedra R en Ciberseguridade”
R.