Skip to main content

As cotas de pesca para o 2019 increméntanse nun 8,5% respecto ás deste ano

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou esta madrugada en Bruxelas que o acordo acadado no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea en relación ás posibilidades de pesca para o 2019 nas augas do Atlántico e do Mar do Norte é relativamente satisfactorio, tendo en conta a proposta de partida da Comisión Europea. Neste sentido sinalou, tras acudir a este encontro como representante das comunidades autónomas españolas, que a cantidade global de posibilidades de pesca para España se conseguiu incrementar un 8,5% con respecto á cota global da que dispuxo este ano.

A titular de Mar fixo fincapé en que foi un Consello de Ministros de Pesca da UE no que se acadaron melloras, non obstante, aínda que quedan eivas nalgunhas especies. Tamén explicou que foi un Consello de Ministros marcado por novidades. Por unha banda, a entrada en vigor da obriga de desembarques de capturas e, por outra, porque é o último ano para acadar o Rendemento Máximo Sustentable (RMS), é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock. En relación a este último aspecto, hai que lembrar que todos os Estados membro se comprometeron na reforma da Política Común de Pesca a acadar o RMS en todos os stocks no ano 2020.

Dentro dos aspectos satisfactorios, Rosa Quintana destacou a solución e as flexibilidades acadadas para a frota fronte a obriga de desembarque de capturas que entra en vigor o 1 de xaneiro do 2019. Neste eido artellouse unha bolsa de cotas de especies para as que moitos Estados membros non teñen cota na que se poderán intercambiar boa parte das necesidades da nosa frota para paliar a falta de cota nas especies de estrangulamento. O obxectivo é evitar que as especies accesorias, é dicir, aquelas de escasa relevancia de captura, funcionen como especies de estrangulamento impedindo a actividade da frota.

En canto ás cotas, Rosa Quintana destacou como resultado netamente positivo o caso da pescada do sur, que se captura en augas do Cantábrico, xa que mantén as mesmas posibilidades de pesca que no ano 2018, fronte á redución dun 14% que propoñía inicialmente a Comisión Europea. Non obstante, lembrou a conselleira en relación a esta especie, Galicia propoñía que se puidese aplicar xa o Plan plurianual de augas do Atlántico no que se establece a xestión da pesqueira en rangos, posto que xa hai un acordo político. Deste xeito, e como explicou a titular de Mar, podería darse pé a unha mellora do TAC mesmo incrementando a biomasa do stock en boa medida.

En relación ao xurelo, destacou a suba da súa cota nun 18% en augas do Cantábrico e dun 69% nas augas que van de Fisterra cara ao sur. Así, “os cerqueiros van ter xurelo para unha boa campaña”, sinalou. Tamén salientou a mellora do Total Admisible de Capturas (TAC) das raias no Cantábrico, onde aumentan o 10%. Esta pesqueira é de grande importancia para a frota de artes menores, expuxo, Rosa Quintana.

Neste sentido, a conselleira do Mar destacou que “queda acreditado que o sector pesqueiro español está facendo ben as cousas, que estamos mantendo os nosos recursos en moi boa situación e así somos capaces de cumprir os compromisos que acadamos e a pescada sur chegará ao RMS neste ano 2019 como se comprometera España o ano pasado”. Ademais Rosa Quintana agradeceu o traballo que se fixo desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e desde o Instituto Español de Oceanografía (IEO) “para axudar a mellorar entre todos con argumentos e datos científicos as posibilidades de pesca”.

En canto aos aspectos negativos, Rosa Quintana destacou o da cigala do Cantábrico, onde se mantén o peche. Tamén citou o acordo da Comisión de Pesquerías do Atlántico Nordeste (Neafc) de redución do 20% para a cabala, un eido no que Galicia defende maior flexibilidade de intercambio entre os diferentes estados.

A maiores, sinalou a titular de Mar, agora vén o traballo do Goberno central xunto ao sector e as comunidades autónomas para ver como conseguir entre todos mellorar a xestión da actividade pesqueira.
R.