Skip to main content

A 34 edición de Ofeitoaman, a feira de artesanía de referencia no Nadal en Galicia, ten lugar estes días en Vigo

Ofeitoaman está organizada pola Asociación Galega de Artesáns (AGA) que contou co apoio da Administración autonómica para o seu desenvolvemento a través das axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector artesán. A Xunta concedeu á asociación 30.000 euros para a organización deste evento e da feira Mostrart, que se celebrou o pasado verán na cidade da Coruña.

Os expositores galegos de Ofeitoaman son obradoiros rexistrados no Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia, e presentan obras acollidas baixo a marca oficial Artesanía de Galicia, que garante a súa cualificación e orixe. Este ano, ademais dos expositores habituais, participan por primeira vez cinco novos obradoiros: Anudo (A Coruña), que realiza complementos de moda; Chorima (O Porriño), especializado en marroquinería; Como Cuando (Vigo) coa súa obra en cerámica; Le Chanelas (Vigo), que deseña roupa artesanal; e Verdecima (Mos), especializado en madeira tallada.

Así mesmo, cóntase coa participación doutros artesáns que repiten experiencia doutros anos, como Zimzelatum (Gondomar), Varo Caride (Vigo), Taller Sur (Marín), Sánchez-Cano Orfebres (Vigo), Rosa Higuero (Cabanas), Rosa Fraiz (Vilagarcía de Arousa), PazNavas (A Coruña), Montse Betanzos (O Grove), Mico Deseño Textil (Vigo), Mario López (Vigo), Laia Zapateiros (Melide), Joyas de Papel (Nigrán), Flecharte e Bruxarte (Vigo), Elena Ferro (Vila de Cruces), Coas Mans Artesanía (Silleda), Cabuxa (Tui), Ardentía (A Coruña), Cerámica Ferreira (Vigo) e Artesave, de Vila do Conde (Portugal).

A feira supón unha proposta de mercado de nadal monográfico, no que os obradoiros participantes presentan as súas creacións orixinais directamente ao público, como unha alternativa cargada de autenticidade, fronte a outros agasallos máis convencionais. Toda a información sobre os expositores con enlaces as súas webs pode consultarse na web da feira.

A feira permanecerá aberta na zona exterior do Centro Comercial A Laxe, fronte á Estación Marítima, ata o día 5 de xaneiro, e pechará os días 25 de decembro e 1 de xaneiro. O horario de visita é de 11,00 horas a 14,00 horas e de 16,30 horas a 21,00 horas (os días 24 e 31 pechará ás 18,30 horas).
R.