Skip to main content

A Estratexia de Impulso á Biomasa aportará 6,5 millóns de euros para continuar impulsando a eficiencia enerxética e o uso de renovables

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha nova achega de 6,5 millóns de euros, que se porá a disposición dos interesados entre o 7 e o 9 de xaneiro, para continuar impulsando a eficiencia enerxética e o uso de renovables en domicilios particulares e edificios; e entre empresas, autónomos e administracións públicas.

Durante unha visita ás novas instalacións de Ecoforest, Feijóo subliñou que esta liña de axudas forman parte da Estratexia de Impulso á Biomasa, posta en marcha en 2014 e coa que se leva apoiado xa a instalacións de 5.250 caldeiras en fogares e empresas, cun investimento, ata o de agora, de 52 millóns de euros.

Neste mesmo sentido, lembrou os obxectivos das Directrices enerxéticas de Galicia 2018-2020, que supoñen un investimento público-privado de máis de 3.000 millóns de euros, para aumentar a produción de enerxía a partir de fontes renovables; concretamente, para producir en Galicia máis de 1.200 novos MW de eólica, hidráulica, fotovoltaica e biomasa. “En definitiva, máis eficiencia, menor custo e máis protección do medio ambiente”, precisou.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta destacou o papel de empresas como Ecoforest na aposta por reforzar a cadea de valor do sector forestal en Galicia; por todo o que a tecnoloxía que desenvolve contribúe ao aproveitamento dun recurso enerxético como é a biomasa. E referiuse tamén ao cometido fundamental da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA): promover a modernización deste sector, implantando nel máis tecnoloxía e revalorizando toda a cadea monte-industria que é, ao mesmo tempo, unha forma de protexer o monte galego.

Sobre este punto, aseverou que a Administración autonómica ten activado investimentos que xa están mobilizando preto de 30 millóns de euros para que as pemes da industria forestal gañen en competitividade e innoven máis. “E estamos a promover un plan sectorial de formación vinculado exclusivamente ao forestal, para facilitar a especialización de máis de 5.000 profesionais do sector”, dixo.

Así mesmo, o responsable do Executivo galego asegurou que a Xunta seguirá traballando para impulsar a industrialización do tecido produtivo galego: poñendo a disposición das empresas recursos para que poidan investir en innovación e na saída a novos mercados; fomentado a formación; simplificando trámites burocráticos, e aplicando incentivos fiscais ou con bonificacións na adquisición de solo industrial.

En relación a este último punto, destacou que, desde 2015, o Goberno que preside puxo a disposición das empresas 1,3 millóns de metros cadrados con descontos de ata o 42%. E que permitiron mobilizar investimentos por máis de 400 millóns de euros.

Logo de destacar que entre outubro de 2017 e outubro de 2018 o Índice de Produción Industrial de Galicia se incrementou un 5,9%, e no que levamos de ano as exportacións creceron un 8,6% fronte ao 3,8% de España, Feijóo concluíu salientando a capacidade de innovación constante e a internacionalización de Ecoforest, así como a profesionalidade dos máis de 130 traballadores. Unhas calidades que fan que esta empresa facturase o pasado ano máis de 22 millóns de euros e que exporte entre o 70% e o 85% da súa produción de caldeiras a máis dunha vintena de países.

Nesta mesma liña, afirmou que as novas instalacións en Porto do Molle son unha garantía para continuar coa súa expansión, triplicando a súa superficie produtiva e contando, ao igual que na planta de Gondomar, cun laboratorio de I+D+i en deseño e produción de sistemas de calefacción, climatización e auga quente a partir de recursos naturais como a xeotermia, a biomasa, a aerotermia ou a enerxía solar. E resaltou o feito de que a empresa adquirise xa dúas novas parcelas neste polígono, para ampliar esta mesma planta de cara ao 2020.
R.