Skip to main content

Máis de 548.000 galegas e galegos xa se vacinaron da gripe na campaña 'Contaxia a túa enerxía e non a gripe'

De seguir esta tendencia, ao remate da campaña estaríamos a falar de que se superaría o 57,8% de cobertura vacinal do pasado ano na poboación galega de 65 ou mais anos.

Ademais da suba a nivel de poboación xeral, cómpre subliñar a mellora das coberturas entre os profesionais sanitarios, cun aumento de case un 30% máis, segundo os datos provisionais manexados e consolidando a tendencia dos últimos anos na que os profesionais sanitarios van incrementando a sua confianza nesta vacinación.

É necesario destacar, igualmente, o espectacular incremento de vacinación das mulleres embarazadas, cun ascenso cercano ao 70% con respecto á campaña de 2017, probablemente debido a unha maior concienciación da importancia desta enfermidade no embarazo por parte das mulleres e dos profesionais sanitarios que as atenden.

Sanidade recorda que este ano en Galicia estase a atrasar a chegada da onda gripal e, polo tanto, todavía están a tempo de vacinarse todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito. Así, aínda que a campaña remata hoxe, as persoas que estean interesadas poden acudir a vacinarse a algún dos 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade (centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros).

A recollida das doses de vacina antigripal dos centros non se realizará ata a segunda quincena do mes de xaneiro, permanecendo as doses nos puntos en perfectas condicións para ser administradas.

Últimos datos epidemiolóxicos

Non se pode esquecer que o principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela e, aínda que non empezou a onda deste ano, os últimos datos epidemiolóxicos publicados amosan xa 24 ingresos hospitalarios por esta enfermidade dos que 5 tiveron que ingresar en UCI.
R.