Skip to main content

A poboación ocupada na pesca extractiva galega aumentou un 7% entre 2015 e 2017

Nela compróbase como a frota de artes menores foi a que máis contribuíu a ese incremento da ocupación, cun aumento do 14,4% no persoal embarcado. Este segmento de frota sumou 826 mariñeiros neses dous anos, ata alcanzar un total de 6.558, co que se consolida como o máis importante para a pesca extractiva de Galicia.

O cerco tamén elevou a cifra de empregados a bordo, un 12,3% entre 2015 e 2017, ata contar con 1.312 tripulantes, 144 máis. Con estas dúas subas, e a pesares de rexistrar descensos noutros segmentos, o caladoiro nacional pechou estes dous anos de actividade en positivo, con 823 mariñeiros máis (un incremento próximo ao 10%), ata rozar os 9.300 profesionais embarcados.

Mentres, o emprego nos barcos das pesqueiras de augas comunitarias medrou un 0,3% e nas pesqueiras internacionais baixou un 7,8%. A frota, non obstante, mantívose practicamente estable entre 2015 e 2017, con só 19 embarcacións menos, o que supón un leve descenso do 0,4%.

Os resultados da enquisa Ocupesca, que mostra con cifras exactas a importancia socioeconómica da pesca e da acuicultura, revelan ademais que a facturación da frota pesqueira galega aumentou neses dous exercicios un 11%, ao pasar dos 801 millóns de ingresos obtidos en 2015 aos máis de 889 millóns de 2017. Esta suba produciuse en todos os segmentos de frota (caladoiro nacional, pesqueiras comunitarias e internacionais) e deixou unha facturación media de máis de 78.000 euros por tripulante e ano.

“Estas cifras referendan non só a boa evolución dos niveis de afiliación ao Réxime Especial do Mar, senón que se ve acompañado por volumes de descargas e vendas en positivo, que avanzan superando medias e que fan que os termos económicos da actividade sexan tamén positivos”, destaca a conselleira do Mar, Rosa Quintana, no prólogo da enquisa Ocupesca. “Agardamos que esta boa evolución do emprego no mundo do mar sirva como aliciente para acadar o gran obxectivo da nosa estrutura marítimo-pesqueira: a remuda xeracional. O noso mar ten futuro se as persoas que traballan nel teñen futuro”, conclúe a titular de Mar.

Acuicultura

No que se refire á acuicultura, o informe da Consellería do Mar mostra que a actividade do sector presentou un crecemento negativo e conta con 2.603 empresas dedicadas ao cultivo de mexillón, aos parques de cultivo e aos criadeiros, granxas, liñas de cultivo ou gaiolas. Os traballadores dependentes delas son máis de 5.200.
R.