Skip to main content

O tempo medio de espera cirúrxica no Sergas reduciuse en case cinco días no último ano

O tempo de espera media cirúrxica en Galicia é de 61,6 días a decembro de 2018, case cinco días menos que en decembro de 2017, cando se situou en 66,4 días de espera media. Este dato sitúase como a cifra máis baixa de toda a serie histórica de Galicia e en relación ao resto de comunidades, está entre as catro que teñen menos demora do Estado. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzou esta cifra durante a súa comparecencia na Comisión de Investigación do Sistema Sanitario do Parlamento.

Almuiña destacou outros indicadores de saúde que permiten ratificar a eficacia do sistema sanitario público de Galicia. Así, salientou que segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade que corresponden ao ano 2016, o investimento en sanidade en termos de PIB na nosa comunidade é do 6,6%, fronte á media do Sistema Nacional de Saúde (5,5%); e os euros destinados á sanidade pública son 1.420 para cada galego.

O conselleiro de Sanidade tamén destacou na comparecencia o esforzo realizado pola Xunta de Galicia nos orzamentos da sanidade pública galega, aos que se dedican máis do 40% do orzamento total. Neste senso, destacou que “cun orzamento inicial da Xunta no ano 2019 de case 1.110 millóns de euros menos que no ano 2008, o dedicado a Sanidade foi superior en 348 millóns de euros”.

Novo modelo de atención primaria

Na comparecencia, Almuiña destacou que a atención primaria é o servizo sanitario mellor valorado pola cidadanía en todos os barómetros sanitarios. No último informe do Ministerio de Sanidade, o 88,50% dos usuarios en Galicia consideraron que recibiran unha atención boa ou moi boa en atención primaria, fronte ao 87,40% en todo o Sistema Nacional de Saúde (SNS).

Tamén afirmou que “nestes momentos é preciso evolucionar o modelo: a escaseza de profesionais médicos que afecta a toda España, obríganos a establecer cambios substanciais na prestación asistencial, cara a dar a resposta adecuada ás necesidades da cidadanía”. Dende a Consellería de Sanidade tomáronse varias medidas para avanzar cara un modelo máis proactivo que poida facer frente aos novos retos como a cronicidade e o envellecemento da poboación, como TELEA ou Conecta 72.

Almuiña lembrou a creación dos seis grupos de traballo con representantes de todas as áreas, categorías profesionais e sociedades científicas para conformar medidas a curto, medio e longo prazo para formar este novo modelo. Indicou tamén que aos profesionais que xa están traballando, incorporaranse nas vindeiras semanas profesionais de pediatría, matronas e persoal dos Puntos de Atención Continuada. Tamén lembrou que os cidadáns poderán dar a súa opinión a través dunha enquisa neste “proceso único, ilusionante e pioneiro que nos levará a convertir unha crise nunha oportunidade”.

Prevención e promoción da saúde: vacinación e cribados

Os programas de vacinacións constitúen unha das medidas máis eficaces e eficientes de todas as actuacións sanitarias. Para o ano 2019, destínanse case 16 millóns de euros a vacinas.

No período 2009-2018 a inmunización no calendario infantil pasou de incluír 11 antíxenos a incluír a protección fronte a 13 antíxenos, coa incorporación das vacinas fronte ao pneumococo coa vacina conxugada e a incorporación da vacina fronte á varicela no ano 2016. Tamén se puxo en marcha o calendario do adulto, e en xullo de 2017 comezouse a administrar a vacina conxugada trecevalente, contra a enfermidade pneumocócica, recomendada para as persoas que vaian cumprindo 65 anos. Tamén se incorporou neste calendario a vacinación das embarazadas fronte a tose ferina.

Ademais, Almuiña falou da importancia dos programas de cribado poboacionais, aos que se destinan 5,7 millóns de euros, cun aumento de 3,1 millóns de euros sobre o dedicado no 2007. Destacou especialmente os datos do programa de cribado do cancro de colon e reiterou que neste ano 2019, iniciarase un novo cribado poboacional de cancro de cérvix uterino para mulleres de entre 25 e 65 anos e introducirase nas mulleres de máis de 35 a proba de detección da infección polo virus do papiloma humano.

Profesionais comprometidos

Máis do 43% do total do orzamento do Servizo Galego de Saúde para o ano 2019 destínase aos profesionais. Almuiña lembrou que os profesionais do Sergas perciben na súa nómina deste mes de xaneiro de 2019 os complementos relativos ao recoñecemento da carreira profesional, que implicarán un incremento retributivo medio dun 6%.

Tamén en materia de persoal, Almuiña destacou que Galicia é a única comunidade autónoma que mantivo as convocatorias anuais das OPE nos últimos anos e lembrou outras medidas como continuar coa implantación das especialidades de enfermería (familiar e comunitaria, matronas, saúde mental e pediatría), o Plan de estabilidade laboral, a flexibilización da idade de xubilación ata os 70 anos e o concurso de traslados aberto e permanente.

Crecemento en farmacia hospitalaria e comunitaria

O crecemento en farmacia hospitalaria e de receitas reflicte a aposta da Xunta na Sanidade. No conxunto do Sistema Nacional de Saúde, Galicia pasou de ser a cuarta comunidade con maior gasto por receita no ano 2008 a ser a cuarta con menos gasto no 2017. Este dato é o froito da posta en marcha de iniciativas de xestión eficiente dos recursos como a campaña de medicamentos xenéricos, a creación da unidade de apoio á prescrición en abril de 2010, e a constitución da Comisión Autonómica central de Farmacia e Terapéutica. Tamén a implantación do Catálogo Priorizado de Produtos Farmacéuticos permitiu un importante aforro e manter a calidade da prestación. En total, no total no período 2011-2015 o aforro situouse nos 256,9 millóns de euros.

Almuiña destacou a evolución do gasto total en Farmacia que este ano chega case aos 1.200 millóns, 44 millóns máis que no ano 2018. Neste senso, en 2015 prodúcese un aumento por mor do tratamento dos pacientes da hepatite C, que permitiu tratar a máis de 7.800 persoas ata novembro de 2018, cunha curación do 97%.

Con respecto do acceso aos fármacos e a adherencia, o conselleiro de Sanidade destacou que Galicia é a cuarta comunidade máis eficiente no custe por receita (11,17 euros), cando en 2008 superaba este custe en 3 euros (14,16 euros). Os pacientes recollen de media 23 receitas/ano, dato só superado por Extremadura, o que reflicte que existe gran accesibilidade á medicación financiada nesta comunidade, incluso entre os pensionistas de rendas inferiores a 18.000 euros que recollen unha porcentaxe de medicación máis elevada (82%) con respecto dos pensionistas con rendas máis altas, que recollen o 79% da medicación.
R.