Skip to main content

A artesanía de Galicia estará presente na feira de referencia do deseño escandinavo que se celebra en Estocolmo ata o venres

A Consellería de Economía, Emprego e Industria está a impulsar a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado nórdico, na feira de decoración Formex, que se celebra en Estocolmo desde hoxe e ata o vindeiro venres 18 de xaneiro. Con esta iniciativa, a Xunta busca abrir novas canles de distribución para o produto artesanal galego.

Como cada ano desde o 2013, a Fundación Artesanía de Galicia presenta na capital sueca unha nova colección de pezas de Artesanía de Galicia, unha proposta para crear ambientes baseados no produto artesán e nos que a artesanía tradicional combínase con produtos máis contemporáneos. Nesta edición, cóntase coa participación de 44 profesionais do sector artesán galego, dos cales un total de 16 son novas incorporacións a esta feira.

A porcelana, o papel, o vidro, as lámpadas, as pezas de coiro ou os xoguetes de madeira combinan coa olería, coa cestería tradicional, co téxtil, coas figuras tradicionais feitas con miga de pan a prata ou coas pezas de madeira orientadas á gastronomía, formando todo isto parte da escolma que representa o produto artesán galego este ano en Formex.

Formex está considerada unha das feiras profesionais de decoración de referencia do deseño escandinavo e celébrase en dúas edicións anuais, xaneiro e agosto. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego está a introducirse desde hai 6 anos.

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse os xoguetes de madeira de Artesanía Silvent (Caldas de Reis); as ilustracións de Deica Creacións (Santiago de Compostela); os obxectos de decoración elaborados pola Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso); as pezas de madeira de Artesanía Chavello (Cervantes), Aldea Artesán de A Fraga (Xermade) e Oitenta (A Coruña); o tecido manual elaborado polos obradoiros de Anna Champeney (A Teixeira), Inés Rir&Co Deseño Textil Artesán (Allariz) e Belategui Regueiro (Cambre); a cerámica de Susana Anta Ceramics (A Illa de Arousa), Mi madre no me deja (Lugo), Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén) e Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín); as lámpadas artesás elaboradas por lago:monroy (Nigrán); a marroquinería de Emcouros Slow Leather Atelier (A Coruña) e as pezas de origami realizadas por Anaquiños de papel (A Coruña), este último obradoiro que acaba de ser galardoado coa Bolsa Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia 2018.

Os obradoiros que xa estiveron presentes en edicións anteriores da feira Formex tamén presentarán novas liñas de produto como é o caso da cerámica de Mar Barral (Catoira); Fani Sánchez Barreiro (A Coruña); Adobe Cerámica (A Coruña); Lanalutum (Lugo), Comocuando (Vigo), Víctor Ares (A Coruña), Cerámica Unzueta (Brión), Cerámica Regal (Viveiro), Laura Delgado Cerámica (Cambre), Fernando Porto (A Estrada), Pepe Otero Oleiro (A Coruña) e Witchneeds (Vigo), este último obradoiro acaba de resultar gañador do Premio Artesanía de Galicia 2018 pola súa obra “O bosque interior”. En canto á olería, están representados os centros de olería tradicional galega de Gundivós, co traballo de Rectoral de Gundivós (Sober); e Buño, coas pezas de olería contemporánea baseadas na ampla tradición oleira desta localidade de Malpica de Bergantiños a partir do traballo de Alfarería Rulo.

Repiten tamén en Formex os obradoiros de téxtil Artefíos (A Coruña) e Logaro (Ourense); os xoieiros de Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2016; o obradoiro especializado en coiro Jatafarta (Santiago de Compostela); o vidro de Polo Enríquez (A Coruña); ou os coitelos dos obradoiros de ferrería de Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada) e de MAF Artesanía (Riotorto).

No stand de Artesanía de Galicia comparten espazo os cestos tradicionais de Antonio Suárez Davila (Vigo); as figuras tradicionais de San Andrés de Teixido elaboradas por Jorge Bellón (Cedeira); e os complementos elaborados en corda de algodón elaborados por Degerónimo (Santiago de Compostela). En canto á madeira, os obradoiros que levan as súas pezas a Formex son Armaior (Quiroga); Atalanta (A Estrada); Lorenzo Design (Santiago de Compostela) e Artesanía Ferradáns (A Estrada).

A participación de Artesanía de Galicia en Formex enmárcase na folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca contribuír ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. A comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía.
R.