Skip to main content

USC, UVigo e empresas exploran a obtención de bioprodutos e a valorización de refugallos agroindustriais con 'Innobiorresiduos'

Os resultados deste programa de I+D, seleccionado na convocatoria Conecta Peme 2015 da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado con 555.550 euros polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, veñen de presentarse na Casa do Saber do campus lugués, nunha sesión durante a que os axentes implicados en Innobiorresiduos presentaron os resultados máis destacables obtidos nas diferentes actividades realizadas.

Os obxectivos principais deste proxecto eran por unha banda, a valorización de residuos e co produtos procedentes do sector agroindustrial galego (refugallos da industria da castaña e da industria da madeira) e por outra, a obtención de novos bioprodutos con valor engadido para as propias industrias xeradoras dos residuos e doutros sectores, en clara consonancia coas directrices do que se coñece como economía circular.

Daquela, esta sesión final do proxecto permitiu analizar e debater sobre os avances acadados cara a obtención de biosurfactantes para o seu emprego na industria de produción de taboleiros de madeira, así como na elaboración de compost a partir das fraccións dos residuos analizados para a mellora do crecemento de micorrizas no sector agrario. Este proxecto de I+D permitiu tamén estudar e analizar o efecto do emprego destes bioprodutos na eficiencia enerxética dos procesos industriais das diferentes empresas do consorcio e no impacto medioambiental (análise de ciclo de vida) dos produtos resultantes destes procesos.

Respecto da implicación do grupo Giceo da USC neste proxecto de I+D, cómpre sinalar que varios profesores do Grao en Enxeñaría Civil da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría pertencentes a este equipo de investigación participaron nas actividades do programa orientadas á valorización e aproveitamento de bioprodutos ricos en lignina obtidos a partir de residuos agroindustriais. Os potenciais usos industriais deste tipo de refugallos estudados no marco do programa Innobiorresiduos están centrados no eido da construción de infraestruturas de transporte, máis especificamente na produción de firmes e pavimentos, que, por outra banda, constitúe unha das principais liñas de investigación do grupo Giceo da USC.
R.