Skip to main content

'La letteratura galega' verte ao italiano medio cento de textos doutras tantas figuras das letras

O novo volume La letteratura galega. Autori e testi verte ao italiano medio cento de textos arredor doutras tantas figuras das Letras Galegas, da man dos tres Centros de Estudos Galegos (CEG) italianos -Padua, Roma e Perugia- da Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos e no marco da colección Finisterrae, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Real Academia Galega (RAG). O proxecto ten como obxectivo ofrecer unha obra de referencia e utililidade para quen se acheguen ás letras galegas, así como abranguer o ámbito universitario e literario da Italia máis galega, da Galicia máis internacional.

García Gómez destacou na presentación “que esta nova antoloxía vén estreitar aínda máis o vínculo entre as literaturas galega e italiana, e o dos estudos filolóxicos en sentido amplo, para alén de darlle proxección e difusión á nosa lingua e cultura propias no mundo, a través de medio cento das figuras máis emblemáticas que protagonizaron desde 1863 as Letras Galegas".

“Un dos desafíos da lingua, da literatura e da cultura galega na era da globalización é a súa posición exterior, a capacidade que teñamos para presentar no mundo o noso patrimonio e a nosa creatividade, neste caso a creatividade literaria. Iniciativas como esta abren camiños para facer máis universal a nosa literatura", salientou o presidente da RAG. "Agradecemos aos autores o seu interese, esforzo e traballo", concluíu.

Participaron, canda eles, no acto que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, o director e a exlectora do CEG de Padua, Giovanni Borriero e Gemma Álvarez, respectivamente; o académico da RAG e autor do prólogo, Xesús Alonso Montero; e a subdirectora xeral de Política Lingüística, Mª Lourdes Batán.

Primeira antoloxía da literatura galega en italiano

Os CEG das universidades de Padua, Roma e Perugia (Italia), pertencentes á Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia, editan, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da RAG, no marco da colección FInisterrae e baixo o prestixioso selo Cerocci Editore, o novo volume La letteratura galega. Autori e testi.

O libro, coeditado polos profesores Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni Borriero (CEG de Padua), está prologado polo profesor, investigador e académico da RAG Xesús Alonso Montero e constitúe unha antoloxía en italiano que recolle 50 figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas no período 1963-2011 e artellado no seguinte esquema: cadansúa Biografía, cos datos máis salientables; Bibliografía (fontes tradicionais e dixitais) e escolma de Textos diversos e representativos na lingua orixinal e coa tradución ao italiano. Complétase cun Prólogo –na ilustre pluma de D. Xesús Alonso Montero –; tres apéndices: Mapas, Feitos históricos e Publicacións periódicas. Para alén diso, o libro conta dun Glosario que presenta termos galegos que pola súa complexidade á hora de seren traducidos ao italiano perden esencia e remata cunha ampla e actual Bibliografía.
R.