Skip to main content

Feijóo cualifica de 'inaceptable' que Galicia teña o peor presuposto do Estado desde hai 17 anos, cun investimento que baixa un 30% na Comunidade fronte a unha suba do 57% en Cataluña

“Resulta obrigado trasladar a enorme decepción dos Presupostos Xerais do Estado con Galicia”, dixo, durante o percorrido pola variante de Aradas, referíndose neste acto tamén a Santiago e á súa comarca, onde o Enlace Orbital cae das contas do Goberno central, cando o proxecto xa está entregado e finalizado.

Diante desta situación, avanzou que a Xunta instará a presentar nas Cortes as emendas aos PXE “para poñer, como mínimo, o que estaba previsto nas anualidades de 2019, nos presupostos anteriores do ano 2018”. E pediu o apoio de todos os grupos municipais de Santiago a esta iniciativa.

Culminada a ampliación da AP-9 na circunvalación de Compostela, e a piques de poñerse en servizo o novo enlace de conexión coa Cidade da Cultura, o responsable autonómico incidiu en que é “absolutamente imprescindible” facer este enlace para facilitar a conectividade coa autovía a Lugo e co aeroporto, ademais de mellorar as conexións dos polígonos do Tambre e da Sionlla. “Sabemos que é posible facelo porque existe xa un proxecto construtivo pechado e aprobado polo Ministerio de Fomento”, abundou.

No tocante á variante de Aradas, Feijóo resaltou que esta vía de altas prestacións libre de peaxe, e que se pon en marcha seis meses antes do previsto, mellorará a competitividade do polígono do Tambre. Así, desde esta tarde, os camións tardarán 20 minutos menos e percorrerán un 73% menos de distancia para entrar e saír do polígono, con dirección ao oeste de Galicia.

Máis polo miúdo, o titular da Xunta recordou que se trata dunha vía de altas prestacións de novo trazado executada coas máis altas calidades, con case 1,6 quilómetros de lonxitude, nos que se encaixaron dúas glorietas, un paso superior, un paso inferior e un viaduto de case 120 metros para salvar o río Sarela.

“En total, estamos a falar dun investimento de preto de 7 millóns de euros”, sinalou, engadindo que, en realidade, esta infraestrutura será unha variante noroeste para Santiago, xa que evitará que todos os vehículos que teñan como orixe ou destino Portomouro, Santa Comba, Val do Dubra, Trazo e mesmo Carballo ou Fisterra, accedan á cidade por unha vía de altas prestacións e deixen de atravesar zonas urbanas, cos consecuentes condicionantes que iso ten, tanto para o tráfico como para os barrios.

De tal forma, O Romaño, Vista Alegre e Vite veranse liberados do paso de preto de 4.000 vehículos cada día, dos cales aproximadamente a metade son camións. E, por outra banda, estarán máis preto do resto de Galicia, xa que, a través da variante, accederán de forma moito máis rápida e directa á estrada N-550 e ao conxunto de autoestradas de autovías que conectan Santiago coa fachada atlántica, con Ourense, ou co Barbanza.

Feijóo concluíu lembrando que, en plena crise económica, a Xunta puxo en servizo máis de 210 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe, aos que vén sumarse esta Variante de Aradas. E, referiuse tamén a outras infraestruturas fundamentais para a capital de Galicia e que contribuirán ao obxectivo de facer do ano santo 2021 o mellor Xacobeo da historia, como: a gran estación intermodal que se está a construír para preparar a chegada do AVE; o proxecto para mellorar e integrar paisaxisticamente as entradas dos Camiños de Santiago en Compostela; e a rehabilitación integral da Catedral, ademais da rehabilitación do Monte do Gozo.
R.