Skip to main content

A Xunta elaborará unha nova Lei de prevención e extinción de incendios forestais para avanzar na loita contra o lume

En todo caso, insistiu en que “tres de cada catro incendios rexistrados na nosa comunidade son provocados pola man do home”, polo que reiterou que se traballa arreo na investigación, sendo tamén necesaria a colaboración cidadá, que se vai fomentar e facilitar coa posta en marcha dun teléfono anónimo de denuncia da actividade incendiaria.

Neste contexto, o conselleiro defendeu a importancia da recente modificación da estrutura da consellería, coa creación dunha dirección xeral específica de Defensa do Monte, que xestiona xa todo o relacionado coa prevención e a extinción. Como exemplo deste labor, destacou o plan de pastos en extensivo que comezará no concello ourensán de Cualedro coa adecuación dunhas 300 hectáreas, para funcionar tamén como ferramenta de loita contra o lume.

José González lembrou tamén a importancia da implicación e colaboración de todas as administracións con competencias na materia. Neste sentido, advertiu que esa cooperación se recolle no convenio asinado entre a Xunta e Fegamp, que converte a Galicia nun territorio pioneiro en Europa ao contar cun sistema público de xestión da biomasa que facilitará a propietarios e municipios cumprir coas súas obrigas ao respecto. Así, reiterou que este acordo conta cun investimento de 28 millóns de euros en catro anos e sinalou que a el xa se adheriron máis de 150 concellos. Ao mesmo tempo, José González anunciou que se vai abrir a todos os municipios da comunidade que aínda non se sumaron.

O conselleiro enmarcou todo este labor dentro das políticas forestais do seu departamento, que están a seguir –dixo– as recomendacións da comisión de reforma forestal do Parlamento en eidos como a planificación dos recursos, o impulso ao Plan forestal de Galicia, a creación dun inventario forestal ou a posta en marcha dunha comisión de simplificación normativa, entre outras decisións. Así, salientou que a consellería incrementou nun 222% as partidas destinadas á elaboración dos plans de ordenación forestais (PORF) dos distritos. Neste mesmo sentido situou a recente creación, dentro da consellería, dunha dirección xeral específica para a Planificación e Ordenación Forestal, que desenvolverá todas estas cuestións.

Nun plano superior de ordenación do territorio, que integraría o forestal e o agrogandeiro, o conselleiro fixo especial énfase nunha ferramenta clave, como é o catálogo de terreos de alta produtividade agropecuaria e forestal de Galicia. Así, dixo que este instrumento está a ser elaborado en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, seguindo as recomendacións da comisión parlamentaria de reforma forestal. Trátase, segundo sinalou González, de desenvolver unha planificación integral do territorio rural e dos usos do solo, baseándose nas súas diferentes aptitudes, para favorecer a recuperación e posta en valor da terra. Algo que se fará, explicou o conselleiro, mediante un texto legal no que está a traballar a Xunta, como é a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia.

Nesta liña, José González afondou na necesidade desta norma polas especiais características do solo rústico na nosa comunidade, que está composto nun 75% por pequenas parcelas dispersas pertencentes a propietarios, na súa maioría, desligados do rural. O conselleiro puxo en relación esta realidade coa indubidable capacidade agronómica da terra en Galicia, así como coa clara demanda de terreo produtivo. Por iso, concluíu, “é precisa unha reforma lexislativa que favoreza a mobilización da terra produtiva, poñendo en conexión a oferta e a demanda, e nela estamos a traballar xunto co Grupo parlamentario popular”.

Sector lácteo

Ademais de centrarse nesta planificación do territorio rural, o conselleiro afondou nas medidas deseñadas pola Xunta en eidos estratéxicos como o lácteo. Así, salientou a posta en marcha dunha Estratexia de dinamización do sector, contando con todos e cada un dos axentes implicados, para facer fronte a retos como a súa profesionalización, a rendibilidade das explotacións, a mellora da súa base territorial ou a reforma da Política Agrícola Comunitaria. Precisamente, en relación con esta última, insistiu nas demandas de Galicia que a Xunta está a defender en todos os foros, como son a existencia dunha PAC forte e debidamente dotada de orzamento, que teña en conta as peculiaridades da nosa comunidade. Entre as demandas de Galicia está unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, porque aí están, dixo, “a maioría das nosas explotacións”. Lembrou ademais a iniciativa de creación dun grupo de traballo específico para acordar cos sectores implicados a posición da nosa comunidade na elaboración do plan estratéxico español.

Sobre a situación do lácteo, o conselleiro destacou a súa estabilidade e a mellora da transparencia na cadea de valor, pero insistiu en que é preciso falar de marxes de beneficio e non unicamente de prezos para describir a súa evolución. Malia todo, lembrou que nos últimos dous anos os prezos medraron un 6,4% e a produción creceu por riba do 5% en Galicia.

En relación coa remuda xeracional no agro, José González enxalzou a importancia de incorporar xente nova e lembrou que na última convocatoria de axudas foron 382 os mozos que recibiron axuda nesta liña. Neste sentido, destacou que foi el precisamente o que reclamou dende o Parlamento unha rebaixa da presión fiscal sobre os agricultores mozos beneficiarios destas axudas, unha medida que agora vén de ser referendada pola Xustiza. Neste sentido, avanzou que o Goberno galego quere ir mais alá e establecer a imputación fiscal destas axudas nun período non inferior aos cinco anos, o mesmo que se lle esixe de permanencia na actividade a estes mozos.

A maiores, o titular de Medio Rural avogou por dotar aos produtos lácteos de maior valor engadido mediante a súa transformación e, neste sentido, salientou o papel clave que desenvolve a Axencia Galega da Calidade Alimentaria en aspectos como a formación, a innovación e o impulso da calidade diferenciada dos nosos produtos.

Sobre o traballo desta axencia, destacou iniciativas como a creación de unidades mixtas de investigación con empresas do ámbito forestal e agrogandeiro para desenvolver liñas de investigación e valorización conxuntas e mobilizar capital privado ou a creación dunha reserva xenética vexetal de Galicia.

R.